O PISA dos alcaldes
Gonzalo Pérez Jácome atopou solución aos malos datos do último informe PISA. Parte do salario dos profesores debería depender da evolución académica dos alumnos, con “correctores socioeconómicos”, porque non todos traballan igual e habería que premiar os bos e sancionar os malos. O alcalde resolveu así, en poucas liñas, nas súas redes sociais, un problema que trae de cabeza a gobernos, académicos e comunidades educativas de medio mundo. A arroutada é ben representativa do seu método: coller un asunto complexo, eliminar case todas as variables que o explican, identificar un responsable e anunciar unha alternativa tan evidente que sorprende que ninguén a aplicase antes. Canto máis complicado é o problema, máis curta e doada semella a receita. O difícil desaparece polo camiño, e queda unha ocorrencia presentada como se abondase para formular unha política pública.
As cifras son certamente preocupantes. O Estado español perdeu desde 2022 até 23 puntos en lectura, 16 en matemáticas e oito en ciencias. A caída alcanza a boa parte dos países desenvolvidos. A OCDE sinala tanto factores vencellados ao comportamento individual —menos lectura, dificultades de concentración, abuso das pantallas, menor esforzo— como outros de natureza estrutural, entre eles problemas de disciplina e absentismo, secuelas da pandemia, menor apoio........
