A tiranía do bufón
Ourense é a terceira cidade de Galicia en poboación, cun potencial termal único en Europa, patrimonio histórico de primeiro nivel e capital humano que a sitúa moi por riba doutras capitais de provincia. Por condicións obxectivas, nada debería lastrar unha xestión municipal sólida e dispor duns servizos á altura do seu potencial. Obras paralizadas sen data de termino, servizos estruturantes en precario, desleixo e deterioro por norma, orzamentos sempre a destempo, incapacidade para asumir pagamentos e sentenzas xudiciais incumpridas configuran máis que un cadro de incompetencia acumulada. Dan conta dun sistema de goberno que se nutre da confusión, da ocultación e do conflito permanente para sobrevivir sen render contas. Este artigo tenta delimitar ese sistema, non para facer do alcaldiño o protagonista da análise, senón para ver de comprender por que Ourense non avanza.
As contas do 2024 foron aprobadas en marzo de 2026, con quince meses de retraso. O Concello executou o 47% do orzamento dispoñible e apenas o 23% das partidas de investimento, mentres 30 millóns de euros se acumulaban nun caixón contable de obrigas sen tramitar. Os 3.500 contedores prometidos para agosto de 2023 remataron cunha adxudicación anulada polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia. A avenida de Portugal leva paralizada desde que a empresa........
