Vacacións en Vilagarcía de Arousa
Hai xa algún tempo, un colega díxome que non se afacía a idea de estar de vacacións ata que non pasaba o Padornelo e A Canda. A min ocorríame algo semellante, pero non precisaba ir tan lonxe, chegábame con pasar o Paraño para viaxar ata Vilagarcía de Arousa en canto collía as vacación na Laboral de Ourense, cando estaba en activo, e agora, xa xubilado, cando rematan as actividades da Coral De Ruada.
Comecei a veranear en Vilagarcía en 1978 e, dende ese momento, pareceume un lugar perfecto para pasar os meses de verán. A pesar do seu crecemento -a finais dos 70 apenas chegaba aos 25.000 habitantes e na actualidade anda preto dos 40.000- Vilagarcía é un lugar cómodo onde todo está a man. Ten todo tipo de servizos e está moi ben comunicada tanto por estrada como por ferrocarril, de xeito que é moi doado achegarse a Pontevedra, Vigo, Santiago… ou calquera dos pobos do Salnés (Cambados, Vilanova, a Illa de Arousa, O Grove…) ou do Barbanza (Rianxo, Ribeira, Noia…). Ata hai uns meses, facíase moi cómodo viaxar entre Vilagarcía e Ourense en tren, dadas as frecuencias, a rapidez -arredor dunha hora- e os........
