menu_open Columnists
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close

O mundo cos ollos da infancia

14 0
11.03.2026

Cando o mundo se complica, axuda miralo cos ollos de neno. Sen prexuízos nin excesivas capas de historia acumulada. Ven as cousas como son, ou como lles parecen, o que resulta sorprendentemente clarificador. Se lles pregunto ás miñas fillas que cren que está a pasar, non dubidan moito. Din que parece un caos, que escoitan falar cada vez máis dunha posible terceira guerra mundial. Asústanse.

Intentamos protexelas, claro, que as noticias non entren demasiado cedo, que as barbaridades non ocupen espazo nas súas cabezas. Ás veces mesmo presentamos ao presidente dos Estados Unidos como unha figura case caricaturesca, un home que baila raro e di cousas estrafalarias. Pero os nenos non son parvos. Saben distinguir entre a broma e o poder. Ademais, son conscientes de que ese poder é enorme. É evidente para elas a presenza dun señor louro que está a revolver o mundo. Fala de países coma se fosen pezas dun taboleiro, ameaza nun lugar, intervén noutro. Viron esposado o ex-presidente de Venezuela, oíron dos problemas con Cuba, saben dos bombardeos en Irán… Os nomes van aparecendo nas conversas como lugares onde algo grave pode estalar en calquera momento.

Entón chega a pregunta inevitable: «Ide chegar aquí?».

Respóndolles que non, que non hai de que preocuparse, que Europa está lonxe, que hai diplomacia, institucións, cordura. Respóndolles con toda a seguridade que podo reunir. Pero despois, cando xa non me escoitan, a pregunta queda suspendida no aire.

Pregúntome eu tamén: están vostedes seguros?


© La Voz de Galicia