Trumpismo progre
O Distrito 13 de Nova York -Harlem, Washington Heights e parte do Bronx- ven de enfrontar nas primarias do Partido Demócrata ao congresista Adriano Espaillat, cinco mandatos no cargo e presidente do Caucus Hispano, con Darializa Avila Chevalier, activista de base de 32 anos graduada en Columbia, onde investigou sobre violencias sexuais e traballou na defensa de inmigrantes negros latinoamericanos ameazados de deportación. Avila leva máis dunha década nos movementos sociais do norte de Manhattan, primeiro nas loitas contra os desafiuzamentos e despois nas protestas estudantís pola guerra de Gaza. Non é unha candidata esóxena, senón unha dinamizadora con fondas raíces no territorio que disputa. É o tipo de figura que as forzas progresistas saben que deben proxectar para reconectar coas súas bases. Por iso Espaillat non buscou rebatela con propostas. Buscou destruíla.
O alcalde Zohran Mamdani, que en 2025 derrotara ao exgobernador Andrew Cuomo por doce puntos nunhas primarias que o establishment daba por gañada, respaldou abertamente a Avila para renovar os representantes demócratas de Nova York no Congreso. A súa aposta non é persoal. É a continuación dunha estratexia para transformar un partido que na Gran Mazá segue controlado por veteranos con décadas no cargo ou os seus elixidos a dedo, redes clientelares e financiamentos de grandes doantes........
