O verán das primeiras veces
QUEN VAI fregar todo isto? Na casa dos pais, as ventás todas abertas, a fumareda da cociña disólvese no aire onde estoupan, moito máis arriba, as bombas de palenque. Tamén o buligar dos pratos, dos cubertos, dos vasos. Xa están a entrar os invitados. É o día da festa.
Chega o fillo máis novo —o que vive máis lonxe— igual de tarde que o máis vello —que vive ao lado— e van para a cociña, deixando o corredor perdido ca herba que cortou papá hoxe cedo —toda a vida a dicirlles: entrade polo cemento, que manchades os zapatos; agora xa non van cambiar— arrimándose ás paredes, deixando pasar ás sobriñas. Elas nas mans eses pratos que tintinan, os cubertos de poñer a mesa, os vermús que prepararon preguntándolles a cada un como o querían, só ou con gasosa, e unhas olivas metidas nun bol de Sargadelos. Eles van bicar a mamá.
—Ide tomar o vermú! Non vedes que estou ocupada!
Papá diralles algo sobre o de non pisar a herba. Que logo vai ter que ir mamá a limpalo, e xa saben que está mal das costas. Pero ao cabo dun........
