Nesta aldea houbo un pobo
Aldea abandonada en Ourense / Brais Lorenzo
Volvo estar recluído, de novo pechado noutra parte do noso rural, documentándome para a seguinte novela. Para o que me gustaría contar, o que importa non é a aldea en cuestión senón o encontro, unha vez máis, con esa sensación que, de tanto dar con ela, comeza a ser xa tan firme como vella. Aquí, a queixa sempre é a mesma: xa non queda ninguén. Como Manoel Antonio, fomos ficando sos, a aldea, os aeroxeradores e mais nós. Só que, a diferencia do poeta, a nós o que nos roubaron non foi o sol, senón a xente. O pobo.
Para enchouparme ben do ambiente que pretendo retratar, saio dar paseos todas as mañás. A paisaxe é impoñente, colosal. Pero non podo deixar de fixarme en algo máis: ao alto da serra no outro lado do río tamén chegaron os aeroxeradores. De feito, a estas alturas Galicia xa debe de producir tanta enerxía que, se a enchufáramos ao ánimo colectivo, igual ata esqueciamos tanta choiva… Pero, entre tanto, seguimos sen atopar un enchufe para fixar poboación. Vese que aquí a corrente é outra. Aquí xeramos megawatts como quen pela pipas, exportamos........
