Reconquista fiel
A pasada festa da Reconquista foi un éxito: superou todas as cifras de participantes, postos e presenza do folclore, tanto na música popular galega como na exaltación e coidado do vestiario tradicional. Despois de trinta e dúas edicións, a Reconquista consolidouse como a festa popular primeira do Vigo do século XXI, debendo ser recoñecida con carácter internacional pola súa temática histórica e a cantidade de participantes activos. E quen llo ía dicir aos membros da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo, presidida hoxe polo incansable Fiz Axeitos, que nos noventa co barrio moi deteriorado tiveron o gran acerto de representar o relato dos acontecementos da invasión francesa e reconquista da vila amurallada de 1809 como mito fundacional da cidade de Vigo.
Éxito veciñal indiscutible, froito da constancia activista teimosa desta asociación, tamén organizadora do entroido e da saída de manueles, tras meses de ensaios, do enriquecemento do argumento da festa e da incorporación de elementos etnográficos e folclóricos, sobre todo da música tradicional galega, onde Vigo é potencia mundial, como da ampliación da súa celebración ao paseo de Afonso e a rúa Elduayen, gañadas para sempre como........
