Unha noite en Lisboa
En xuño do pasado ano deixounos Nelson de Matos, un dos grandes editores das letras portuguesas (Don Quixote), amigo de Galicia, con quen compartimos fermosas xornadas e algunhas feiras internacionais. Da súa man difundiuse en Portugal a obra de Manuel Rivas, Agustín Fernández Paz e Méndez Ferrín entre outros. «Unha fronteira que debemos romper», comentaba. E hai poucos días que nos deixou Antonio Lobo Antunes, que era un dos seus autores máis sinalados, xunto con José Cardoso Pires, que faleceu en 1998. Xuntos, Cardoso e Antunes, visitaron Galicia por primeira vez a mediados dos anos 90, convidados por Xerais, que entón xa dirixía Manuel Bragado, e xuntos visitamos a redacción de La Voz de Galicia. Hai dúas páxinas enteiras de conversa con eles no xornal. En moitos aspectos eran grandes descoñecidos. Aínda o son para o gran público. Dolores Vilavedra traduciu a Lobo Antunes para Siruela e Alianza Editorial. Xavier Rodríguez Baixeras a Cardoso, tamén para Alianza.
Mais a lembranza máis fermosa que teño deles é unha noite en Lisboa, na casa do editor, ata as catro da madrugada, arredor de dúas botellas de whisky. Estaba tamén o novelista angolano Pepetela, e non sei se o meu amigo Suso Franco, destinado entón na editorial Don Quixote para axudar a xestionar a empresa. Falamos de todo: dos amigos que iamos descubrindo, dos que non estaban presentes (Lidia Jorge, Joao de Melo), de literatura, de recordos de infancia, do pouco que sabiamos uns dos outros… E nun momento da conversa, Pepetela, que levaba calado un bo anaco, interrompeunos e preguntou: «Mais vocês en que falan?». Levaba toda a noite dándolle voltas. Non era portugués mal falado, non era portuñol, tiña unha lóxica interna que en principio o desconcertaba. Para eles o galego eran as aldeas de Tras Os Montes no mellor dos casos. E daquela vinme improvisando unha lección de historia da lingua galega (e portuguesa) ata ben andada a madrugada. Entón programamos a visita a Galicia.
Na nosa infancia Portugal eran aqueles señoriños de chapeu escuro e mulleres sempre de negro que paraban a comer frango nos bancos da alameda pontevedresa cando viñan de excursión. Aínda non sabiamos de Jose Afonso nin das garotas de Ipanema. Para os nosos amigos, Galicia eran algunhas aldeas difusas do norte e, se acaso, algunhas alusións de Miguel Torga, pouco máis, fóra das noticias dos que empezaban a visitar o Corte Inglés de Vigo. A estadía de Cardoso e Lobo Antunes entre nós foi reveladora para eles: o nivel de edición que daquela había en Galicia, a estética dos nosos deseñadores, a calidade de escritores e escritoras que descoñecían, a modernidade do país, que non imaxinaban. Falamos de hai dous días, coma quen, pero as cousas eran así. Se cadra nalgúns aspectos aínda son. No ano 2007 a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua distinguiu a Pepetela como Escritor Galego Universal, e en 2014 o Pen Clube de Galicia co Premio Rosalía de Castro en lingua portuguesa.
