Pena de morte en Israel
Segundo os Evanxeos, hai dous milenios longos que o prefecto romano Poncio Pilatos, aguilloado polo Sanedrín (tribunal relixioso xudeu), condenou a Xesús de Nazaret a morrer na cruz. A Pilatos caeulle ben Xesús e quixo salvalo deixando que, por ser a festa da Pascua ocasión en que amnistiaba un condenado a morte, a xente escollese se o liberaba a el ou a un coñecido delincuente chamado Barrabás; pero a masa escolleu a Barrabás. Catro séculos despois, cando o cristianismo acadou o poder relixioso no Imperio, os xudeus foron acusados de matar a Deus e desde a primeira cruzada ata mediados do século XIX sufriron ataques feroces en media Europa, co resultado de centos ou miles de mortos en cada un; e despois, na Segunda Guerra Mundial, o horror do Holocausto, que teólogos católicos atribuíron en gran parte á Igrexa, promotora do antisemitismo por cualificar o pobo xudeu de deicida e promover o odio e o desprezo contra el.
En 1959 o papa Xoán XXIII eliminou da liturxia de Venres Santo a referencia «aos pérfidos xudeus» e en 1965 o Concilio Vaticano II aclarou no documento Nostra Aetate que os xudeus do mundo moderno non teñen responsabilidade na crucifixión de Cristo e que tampouco a tiveran moitos do seu tempo. A Igrexa tardou mil seiscentos anos en recoñecelo e facelo público, e aínda asi, non foi un acordo doado. O último debate durou anos e 88 bispos votaron en contra.
Agora, Netanyahu e a extrema dereita que o sostén no Goberno entran na Semana Santa dos cristiáns cunha nova lei de pena de morte. Trátase de poñer en vigor a que non se aplica en Israel desde o ano 1962, cando se xulgou o criminal de guerra austroalemán Adolf Eichmann, un dos organizadores do Holocausto e o responsable da «solución final» en Polonia e dos transportes de deportados aos campos de exterminio, pero cunha variante: só se aplicará a terroristas palestinos causantes de vítimas mortais na poboación ou no exército xudeu. É, pois, unha lei discriminatoria, selectiva. Semellaba que a pena capital quedara abolida para sempre en Israel, pero non era así. Restaurala coa nova redacción foi unha esixencia de Itamar Ben-Gvir, ministro de Seguridade Nacional, e Netanyahu atendeu a demanda. No Parlamento pasou pola mínima, co 62 % dos votos, pero a Ben-Gvir, que levaba tempo lucindo na solapa un pin en forma de soga de aforcar, valeulle e celebrouna con champaña. Pregúntome que diferencia haberá entre a parella Netayahu e Ben-Gvir e aquela outra Anás-Caifás que conspirou contra o Nazareno; e que diferenza haberá entre eles e os nazis Himmler e Eichmann, que pasaron á historia como seres sen alma. Sempre pensei que quen asina condenas de morte debería ser tamén o verdugo que as executa, pero estes seguro que pagarían por tirar da corda.
