Zapatero e a difícil dualidade entre referente político e lobby
José Luis Rodríguez Zapatero foi, durante décadas, o referente moral e político máis sólido do socialismo español. A súa etapa de goberno lémbrase por fitos que transformaron a arquitectura social de España: a fin do terrorismo de ETA, a aprobación do matrimonio homosexual ou o pulo á protección dos dereitos fundamentais. Alén disto, dende 2018, Zapatero experimentou unha segunda xuventude política, converténdose no escudeiro máis potente de Pedro Sánchez, un valor electoral de primeira orde que actuou como a “reserva espiritual” do PSOE estatal nos seus momentos máis críticos. Ate esta terza, 19-M, Zapatero era un activo imbatíbel; hoxe, un auto xudicial sitúao como o “vértice” dunha rede de influencia que choca de vez, sexa cal for a fin do procedemento penal, con esa imaxe de desinterese público.
A interlocutoria do maxistrado Calama (Tribunal Central de Instancia, que instrúe no orde penal os procedementos que xulga despois a chamada Audiencia Nacional, sucesora dende 1977 do Tribunal de Orden Público franquista) presenta a tese de que Zapatero non sería un colaborador ocasional, senón o líder estratéxico dunha estrutura organizada. O máis rechamante é que esta rede tería operado dende a súa propia oficina como expresidente de Ferraz, utilizando canles corporativas como o correo xestionado pola súa secretaria María Gertrudis Alcázar. O xuíz ve aquí un “coñecemento e dominio organizativo”, suxerindo que a oficina de Zapatero abeiraba o suposto centro de coordinación dunha operativa económica de alto nivel.
Esta rede, cualificada internamente polos investigados como un “equipo” ou “boutique financeira”, tería actuado na sombra baixo o control da contorna directa do expresidente,........
