Expropiar vivendas para a promoción privada doutras vivendas
A política de vivenda do Goberno de Alfonso Rueda, definida na reactivación e xeralización dos proxectos de interese autonómico (PIA), sitúanos diante dunha perversa distorsión do Dereito Administrativo e do propio Estatuto de Autonomía. Baixo dunha retórica supostamente social de urxencia residencial, o Executivo galego artellou un mecanismo de intervención que, lonxe de consolidar un parque público e estrutural de vivenda, opera como un canalizador de recursos comúns e patrimonio particular cara ás mans do negocio inmobiliario privado. Unha transferencia de rendas que desvirtúa o interese xeral que se di desenvolver.
O primeiro vicio dos PIA radica na subordinación unilateral do urbanismo municipal. A lexislación de vivenda galega confírelle á Xunta a potestade de decretar o “interese autonómico” sobre bolsas de solo estratéxicas, o que na práctica supón pasar por riba dos plans xerais de ordenamento municipal (PXOM). Esta pinza centralizadora non só lesiona a autonomía local, senón que desequilibra o crecemento das nosas vilas e cidades. Ao lles impor macro-urbanizacións sen o concurso nin o deseño dos concellos, créanse illas residenciais........
