A aritmética difícil da esquerda ourensá
Tirar conclusións de titulares ou extraer fragmentos de realidade para construír novelas á carta alimenta a desinformación. Fiel á lei de ferro enunciada por Michels, a oligarquía que prefire a obediencia á intelixencia castiga con máis saña ao heterodoxo da casa que ao adversario declarado. Houbo quen quixo malinterpretar o debate que o 15 de xuño no Liceo aspiraba a avaliar as opcións dun cambio pola esquerda na capital. O Ourense Policy Lab inauguraba un espazo de análise sobre coordenadas académicas. Non era un acto de campaña nin a presentación de candidatura ningunha. Tratábase de xermolar ideas que importan porque un goberno municipal pode transformar o cotián da veciñanza. O Concello decide sobre urbanismo, vivenda, mobilidade, economía local e servizos sociais. E nunha cidade onde a renda do centro supera en 16.000 euros a dos barrios máis pobres, a esquerda está interpelada.
Até a recente moción de censura apoiada nunha tránsfuga de Lugo, Ourense era a única gran cidade galega gobernada pola dereita. DO ocupa a alcaldía porque o PP o permite a cambio da Deputación, binomio inaugurado en 2019 e repetido en 2023. Pérez Jácome é un caso extremo de ultrapopulismo autoritario local: teatralidade como substituto da xestión, confrontación permanente con instancias superiores, construción........
