Setembro das vendimas, a posta en valor da cultura do viño en Galiza
As circunstancias do cambio climático fan que se adianten as vendimas ao mes de agosto, cando o tradicional era setembro. Xa no medievo representábanse os meses con escenas do agro que lle correspondían, así para agosto era o labrego con fouciño en man, segando o trigo; setembro era o viñateiro co corvo podón cortando un acio de uvas... E, en outubro, a sementeira, o arado... Esperada vendima, traballo e festa que da paso do verán ao outono e que significa un rito ascético. Parte dun longo proceso que vai de sementar as vides ou podalas no inverno, seguido dunha secuencia de traballos, até brindar co viño novo. Cultura do viño que dignifica un pobo,viticultura e vinicultura, sintetizada en vitivinicultura. Sendo o viño símbolo de tradicións, de saberes para finalmente erguelo ao ceo nunha cunca e brindar. E, ao redor deste xeito de liturxia crear amizade, cánticos, contos. Ben soubo a cristiandade facer do viño sacramento, sangue de vida. E así o atopamos coa vide e os acios en parábolas, fábulas, contos... Pan e viño que significan tantas cousas herdadas, melloradas no tempo, arquitecturas, saberes, experimentación... Atinou Galiza dende o medievo en escoller cáliz e molete de pan como símbolo do seu armorial... E, detrás disto, traballo e unha forte economía que rodeaba reitorais, pazos, quintas , casas e conseguintemente a sedución, o enoturismo.
Tradicións que enxalzan o traballo e o misterio da vida, que se asocian simbolicamente co Cáliz do primeiro Xoves Santo, co que logo Xosé de Arimatea recolle o sangue do costado do Cucificado...Cunca transportada en periplo aos confíns do mundo, os países celtas, para ser o buscado Santo Grial (sinónimo de ‘Sangre Real’) co que se bendicen liñaxes de rango. E velaí unha nova odisea, perigrinatio na súa demanda, como a de Arturo e os seus... Raiceira das novelas de cabalerías que tanto incidiron na cultura europea, como en tolemias ou fanatismos.
Cartel de Virxilio, homenaxe ao viño do Ribeiro. / Felipe Senén
Galiza, país de viñedos, de socalcos, de lagares, con tan antiga historia, de adegas , como as de Vilachá en terras do Brollón, as da Rúa en Valdeorras ou as de Gomariz, Paradela no ribeiro .........
