Queren asfaltar o camiño cara á privatización das pensións
Figaredo, de VOX, di que o sistema de pensións está quebrado e que é insustentable. Non é unha análise, é unha estratexia: a dereita comeza a asfaltar coas súas mentiras o camiño para privatizar as pensións e converter a nosa vellez nun negocio. E dío claramente, sen agocharse. O máis incrible é que, despois de escoitalo, haxa xente que non é multimillonaria, que algún día terá que xubilarse e que, aínda así, pensa votarlles.
Votar contra un mesmo
Traballadores e autónomos dispostos a votar unha dereita que, se logra os seus obxectivos, os condenará a unha vellez miserable, a vivir e morrer na pobreza e sen a axuda dun Estado que lles dea as costas. Non podo entender que razoamento leva alguén a votar contra os seus propios intereses. Se algo está roto, non contratas unha cuadrilla de demolición. E PP e VOX veñen a iso: a destruír o pouco que queda do chamado Estado do benestar, o pouco, moi pouco, que hai de xustiza social e equidade no Estado español.
Minten moito, pero tamén din verdades
Lanzan bulos a todas horas, pero entre tanta mentira tamén soltan verdades: o que de verdade pensan. E os seus votos no Parlamento demóstrano. Votaron contra a suba do salario mínimo; para esta dereita nin sequera debería existir. Nun país cun paro tan alto, a súa solución é o despedimento libre e gratuíto. Mentres a Unión Europea, gobernada pola dereita europea, advirte de que despedir en España é demasiado barato, a dereita española, a peor de Europa, considera que o traballador segue demasiado protexido. Case habería que lle dar as grazas ao empresario........
