Guerras santas
«Toda unha civilización morrerá esta noite», clamou Trump horas antes de expirar o seu ultimato a Irán para que abrise o estreito de Ormuz, e a humanidade preguntouse como unha ameaza tan horrenda, que arrepiaría en ditadores monstruosos como Hitler ou Stalin, puido saír do presidente dos Estados Unidos, paladín das democracias. A resposta é sorprendente pero sinxela: porque Trump é Trump e porque a guerra dos EE.UU. contra Irán é santa. Nin sequera o papa o sabía, pero explicoullo Pete Hegseth, mandamáis do Pentágono: «Trump foi unxido por Xesús para salvar a civilización cristiá da islamización». O papa pasmou e Hegseth largoulle unha lección de socioloxía: «Xa en 1966 o presidente alxeriano Ben Bella augurara que os musulmáns conquistarían Europa cos ventres das súas mulleres, e agora estímase que no 2050 igualarase o número de cristiáns e musulmáns no mundo». É así, e por iso mandos militares estadounidenses arengan as tropas facéndolles saber que a destrución de Irán é unha misión divina, e cregos e pastores repíteno aos seus fregueses. E Trump? Trump sinala a orella que rozara a bala, sorrí e reitera piadosamente que o fallo do magnicidio foi cousa de Deus. «Deus ten un plan para salvar o mundo —rematou Hegseth— e pasa por Trump». O papa segue en shock.
Guerra santa, pero psicolóxica, foi tamén a que libraron os miles de persoas que berraron «¡Musulmán el que no bote!» en Cornellá durante o amistoso entre as seleccións de España e Exipto. Eu vin as imaxes e comprobei que era xente nova. Mozos e mozas que rían, berraban e brincaban como posesos para lles comer a moral aos infieis. E conseguírono. Lamine Yamal —o único xogador musulmán que os entendeu— non deu unha en todo o partido e, enrabechado, chamoulles «racistas» e «ignorantes». O mesmo fixo a roxería toda. O meu amigo Fito, humorista gráfico sublime pero roxo impenitente, colgou na rede a viñeta que inclúo na ilustración deste artigo. Só Vox entendeu que aqueles monicreques saltareiros son querubíns de Trump que cantan a súa gloria.
Claro que os dirixentes de Vox, doutras cousas non, pero de guerras psicolóxicas saben e fan virguerías. A que hai poucos días declarou o secretario xeral, Ignacio Garriga, ao clan Feijoo merece figurar nos anais e cronicóns das guerras partidistas en España, aínda por escribir. Había tempo que Abascal viña denunciando unha guerra sucia da dirección do PP contra Vox, pero a carta que Garriga enviou aos afiliados explicándolles que «las barbaridades, mentiras y ataques mafiosos» que reciben nos medios veñen de Feijoo, Tellado e Mar Sánchez, «el clan gallego con prácticas de contrabandista de ría», semella un toque de corneta a degüello. Unha mensaxe cifrada a quen manda no PP e que se traduce nun «este xa non vale. Que veña Ayuso». Outra guerra santa, pero esta, familiar e doméstica.
