Ata logo, Fernando
O mundo derrúbase, Sánchez resucita o «no a la guerra» de Zapatero e o columnista, abandonando o posto de observación que lle encomendou o director, dedícase a escribir obituarios. A machada corta as árbores que lle daban sombra e referencia, e o bosque de relacións, antano espeso, vaise transformando nunha chaira devastada. Antonte emprendeu viaxe Xesús Alonso Montero e hoxe faino Fernando Ónega, a quen vin por última vez na homenaxe que ducias de exalumnos lle brindamos ao mestre no instituto de Lugo. Chégame tamén noticia da defunción de Manuel Fraga Ferreiro, de Guitiriz, amigo e colexial do Eijo Garay coma Ónega e coma min. Xa completamos a transición vital: da época na que nunca morría ninguén, á etapa na que ninguén queda derredor.
Fernando Ónega fíxose periodista, confesou algunha vez, cegado polo brillo dos xornalistas do diario El Progreso. Trapero Pardo, Salvador Castro ou Ángel de la Vega parecíanlle, ao neno de aldea que seica estudou grazas ao leite que daba a vaca Capitana, os máis elegantes e e sabios de Lugo. Algúns outros fixéronse periodistas polo proído de envexa ao raparigo que entrevistaba a Machín e publicaba no periódico local. Falo por min, quizais tamén por outros que andaban por alí —Pérez Varela, Palmeiro..., beneficiario, cando Ónega marchou para Madrid, do periódico que faciamos a ciclostil no colexio menor.
Comezou aí unha amizade nunca desmentida. Unha amizade de corrente continua e contactos espazados, que superou a proba das trincheiras cando nos reatopamos en Madrid: el, no Arriba, periódico do Movemento; eu, en Mundo Obrero, órgano do PCE. Con media ducia de Ónegas na prensa, non habería polarización política en España. Despois, desembarcamos os dous en La Voz de Galicia. Compartir con el estas páxinas era un motivo de orgullo para min. E unha declaración de pluralismo de quen nos acolleu.
Amizade desequilibrada tamén: el dábache canto lle pedías, ti apenas podías corresponderlle. Dous exemplos. No 2007, o alcalde de Lalín decidiu nomealo fillo adoptivo da vila. O PP tiña na Corporación maioría de sobra para facelo, pero a Fernando amolábao que non fose por unanimidade. Chamoume, presupoñéndome —erroneamente— influencia no eido socialista. O apoio dos cinco concelleiros do PSOE só o conseguín a medias: abstivéronse, en vez de votar en contra. Fernando, en cambio, nunca fallou á chamada da amizade. No 2016 agasalloume coa metade das súas vacacións de verán para filmar Miradas alleas, unha serie de televisión que eu codirixía. O tema: como nos viron e como nos viviron xentes de fóra. A produtora esixía unha estrela como presentador e Ónega acudiu a socorrerme. Convivimos, tamén con Nacho Varela, durante quince días de traballo arreo. Puxémonos ao día. Foi daquela cando Fernando nos deu primeira noticia dos seus achaques de saúde, que aparentaban menos graves diluídos en auga de retranca e no Cardhu que trasfegabamos.
Escribo, case sen me decatar, na lingua que sempre usamos. O galego común, mais con acentos dispares: un, de Mosteiro; o outro, de Monterroso.
