Catro redondas datas oterianas
Ante todo, agradecer a La Región, Casa Grande da obra xornalística de Otero Pedrayo, o convite para participar neste número homenaxe a don Ramón. E para iso, voulles falar de cousas de catro datas oterianas redondas neste ano.
Hai un século, entre o 8 e 11 de xullo do ano santo de 1926, foi a peregrinación a pé de Ourense a Santiago dos galeguistas ourensáns da que o óptico e escritor Xavier Pardo Bedía deixou unha serie de artigos en ‘A Nosa Terra’ valéndose, segundo di, de notas “sacadas do minucioso ‘Diario de Viaxe’, que coa sua sutileza e maestría fixo o Risco, que si como escritor é formidabel, non o é menos como psicólogo”. Temos a sospeita de que non lle debeu entender ben a letra ou o significado dalgunhas frases, pois aparecen topónimos inexistentes.
Non dei topado ese “minucioso diario de viaxe” nin na Fundación Vicente Risco nin nos fondos da familia de Xavier Pardo Bedía, quen, por certo, desenvolveu unha activa carreira política como concelleiro, deputado provincial e mesmo vicepresidente da Deputación de Coruña nos anos cincuenta e sesenta do século XX.
O tema desta peregrinación foi tratado varias veces, mesmo na páxina do Consello da Cultura hai un percorrido audiovisual das catro etapas feito por Manolo Gago, co texto íntegro das colaboracións, cunha introdución miña, e ao que poden acceder buscando “No camiño de Santiago: vieiros de fe, vieiros de ideal”. En papel, hai o fermoso libro -con ilustración de Isabel Seidel, fotos de Xulio Xil, introducida por Luís González Tosar- que foi base no impulso ao Camiño de Nós a Santiago.
Outro centenario é o da primeira “Guía de Galicia” que publica Otero Pedrayo en Espasa Calpe. E digo primeira porque as sucesivas reelaboracións baixo o seu coidado configuran guías tan distintas como o país. A Galicia de........
