Un tesouro da cultura castrexa (dous torques e un brazalete) no mercado
Nestes días de maio saltou nos medios de comunicación ourensáns a noticia de que o 14 de maio sairían en poxa na madrileña galería Ansorena, por 195.000 euros, dous torques e un brazalete de ouro. Pezas que se di procedentes da cultura castrexa, a que singulariza o Noroeste Ibérico prerromano, datadas arredor do sc. III a.C. Prezo que consideramos moi alto para as dúbidas de procedencia que ofrecen e que pon no brete tal inversión. Noticia que xera diferentes hipóteses sobre tal achado: cando ocorreu, onde, como, as relacións con outras pezas semellantes... Até a hipótese de que se atoparon nos anos inmediatos á Guerra Civil, sendo procedentes do Castro de Beade, gabancioso lugar do Ribeiro do Avia, nos vellos camiños reais que soben a Pena Corneira, cunha historia que vai dos castros á Encomenda dos cabaleiros de San Xoán de Xerusalén.
Pezas que, se cre, formaron parte dun tesouro, entre o que tamén estarían os dous torques con características e feitura semellante, quizais do mesmo taller, os que se mostran no British Museum de Londres, na sección correspondente a Antigüedades Prehistóricas, Sec. Idade do Ferro Europea e que, no 1960, foron mercados en poxa en Sothebys. Torques de sección romboidal, remate en dobre escocia, baleira no interior, ao xeito de sonaxa, un deles coa súa parte plana de dous remates decorada cunha xeométrica rosácea hexapétala, trazada a compás e gravada a punzón, complementada no perímetro, na converxencia de liñas e no centro con boliñas goteadas. Representativos torques que foron cedidos para a exposición Celt Art and identity (2015), celebrada en Edimburgo e Londres, en inicio con cartela marcando a súa procedencia «do Noroeste Ibérico», agora xa identificándoa nas proximidades de Ourense e da raia portuguesa. Quizais cavilando na súa relación co tesouro de Lebuçao, no Alto Támega portugués, veciño da provincia de Ourense (torques e brazalete, ambos máis rematados na súa decoración de punzón, tamén con........
