menu_open Columnists
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close

O feminismo de Vox

16 10
19.02.2026

Hai frases que non precisan resposta inmediata, senón pausa.

María Guardiola, nestes momentos presidenta da Junta de Extremadura en funcións, afirmou sen rubor defender o mesmo feminismo ca Vox.

Na lapela dedicada á chamada «ideoloxía de xénero» deste partido atopamos titulares que falan por si sós: rexeitamento a observatorios contra a violencia machista, denuncias contra iniciativas europeas a prol do dereito ao aborto, deslexitimación das políticas de igualdade... Chamar a iso feminismo esixe unha redefinición tan radical do termo que o deixa baleiro de contido.

Máis tarde, María Guardiola matizou: «Non aceptarei nin unha soa lección da esquerda». Aquí outro problema de fondo: o feminismo coma arma política e marcador ideolóxico que obriga a posicionarse non desde a convicción, senón desde o cálculo electoral.

Vox constrúe o seu discurso desde a oposición frontal ao feminismo, nega que sexa necesario, pretende desactivalo.

É lexítimo, por suposto, que o Partido Popular non queira recibir leccións da esquerda.

Iríanos mellor se fosen capaces de dialogar máis e confrontar menos..., pero hai unha diferenza substancial entre marcar distancia e asumir como propio un discurso que cuestiona dereitos básicos conquistados tras décadas de loita.

Eu, porén, sigo a permitirme un luxo que parece cada vez máis subversivo: soñar. Soñar cun Partido Popular e cun Partido Socialista capaces de ser aliados nas grandes cuestións: o cambio climático, a erradicación da pobreza, a defensa dos servizos públicos… e, por que non, no feminismo.

Vostedes rían se queren. É moito máis san soñar con acordos que seguir alimentando a crispación na sociedade na que vivimos.

E remato: cando se xoga con dereitos básicos e importantes para a cidadanía, o que se perde non é tempo, é dignidade.


© La Voz de Galicia