Galiza no imperio de Tamerlán
De sempre este confín, con vocación de extremo occidente, sentiu atracción polo exótico, polo atractivo oriente, onde non faltan historias de misioneiros, anxos ou demo, predicadores, comerciantes, aventureiros galegos.
Parámonos aquí en Asia Central, no Uzbekistán, na antiga Ruta da Seda, entre oriente e occidente, con cidades como Samarcanda, Buxara, Xiva, Tashkent, hoxe a capital. Encrucillada indoeuropea de antigas culturas, como a de Andronovo, na Idade do Bronce, con tantas raiceiras no mundo celta... despois de influencias, mongolas, persas, anatólicas, rusas... en fin, de sometementos imperialistas. Hoxe paquete turístico para unhas exóticas vacacións.
As viaxes caravaneiras do mozo mercador veneciano Marco Polo cara China (1271-1295), foron escritas no Libro das Maravillas por Rustichelo de Pisa, amante tamén do ciclo artúrico estando ambos encadeados en Xénova. Páxinas nas que se detén en Samarcanda, cidade naquel momento en sorprendentes obras propiciadas polos mongoles que a ocupaban, baixo as directrices de Xenxis Khan. Fascinantes descricións, esenciais na literatura de viaxes: o sol avermellado dos seráns reflectíndose nos azulexos con xeometrías florais turquesa dos iwans, das cúpulas, entre os minaretes, os xardíns... a convivencia entre as diferentes relixións.
Abondan as narracións de viaxes a oriente, máis as dos anos do romanticismo, as daqueles curiosos impertinentes, que tanto axudaron á creatividade, ás relacións, tal como foron as de Adolfo Ribadeneyra no seu de Ceylán a Damasco, as de Lamartín, Chateaubriand, Rimbaud, Richard F. Burton, Burckhardt ou as de lady Esther Stanhope, tan en relación con John Moore e a Coruña... apaixonados dos desertos árabes, da espiral dos camiños do oriente. En canto ao literatura actual, non podemos deixar de ler El corazón perdido de Asia, do británico Colín Thurbrón, sobre unha viaxe feita no 1992, cando a Unión Soviética se esfarelaba.
Uzbekistán, de 1924 até o 31 de agosto de 1991, república socialista da........
