Un elefante vello ao fondo do salón
AO MOVER o moble do televisor apareceu detrás un libro. Era de tapas verde claras e estaba deformado. Andara lendo nel. Un día desapareceume da vista. Pásame ás veces, que estou lendo algo, queda nunha mochila, nun abrigo ou no coche, e acabo por perderlle o rastro e o respecto despois duns días de busca e confusión. Este libro perdido era un ensaio do filósofo Pau Luque, Las cosas como son y otras fantasías (Anagrama). Andaba lendo nel en setembro de 2020 e un día, flash!, desapareceu. Recórdome a min mesmo mirando nas mochilas e nos petos dos abrigos porque o perdera, mesmo revisando os fondos de reptís do Ford Focus. Caera por detrás do moble do televisor, que é de marrón claro e aparatoso. Consolárame con outro.
Cando perdín Las cosas como son y otras fantasías o mundo xa deixara de ser normal. Continuaba tendo as súas festas de música electrónica, as persoas que non se senten a gusto no seu corpo e as pastelerías que pecharan, pero a inmensa pandemia estaba reducindo salvaxemente a poboación mundial.
O ensaio de Pau Luque apareceu oito meses despois de que se declarase a clausura sanitaria en México, onde o pensador —nacido en Barcelona no ano das olimpiadas— estaba investigando en Filosofía do Dereito na universidade. O mundo xa era un lugar imprevisible e aterrador, no que unha bacteria podía matarte con máis probabilidade de que te esmagase a pata dun elefante, pero Luque non sabía nada disto que lles conto cando escribiu o seu ensaio.
Las cosas como son comeza sete anos antes, en 2013, cando Pau Luque compartía piso en Nápoles cun "decibélico director local de cine". O realizador pídelle que o acompañe ver a película La prima neve de Andrea Segre. A cinta narra a amizade entre un inmigrante africano e un neno medio orfo. Son dos poucos habitantes que hai nunha poboación campestre.
Horas despois, cando saen do cine, o amigo do ensaísta manifesta a súa decepción:
—Bah! Unha favoletta...
Parecéralle unha fabuliña, un parvo conto........© Galiciaé
visit website