O MESTRE das apertas
Fun moi afortunado de ter amigado nas dúas últimas décadas con Antón Pulido, o artista que mellor se ten asomado á complexidade da condición humana. Fun moi afortunado de coñecer ao pintor que xa admiraba polos seus músicos asomados ao abismo, que quixen recoller nalgunha portada dos libros que editei, ou polos seus retratos serenos, como o que me fixo cando saín de Xerais, nos que é doado identificar a ollada do optimismo da vontade presente en cada trazo. Fun moi afortunado en compartir con este ser humano xigante de xenerosidade desbordada azos e vontades no proxecto colectivo dos Premios da Crítica de Galicia no que teimou con intelixencia e dedicación décadas e décadas a carón de Bieito Ledo, o seu amigo do corazón, que coñeceu hai setenta anos e o acompañou no seu tránsito co agarimo de Fina e da familia toda.
Se tivese que definir a Pulido cunha soa palabra, o que sei sempre resulta insuficiente nun artista dedicado á pintura, escultura, deseño gráfico, música ou performance, pero tamén ao relato oral, no que posuía enxeño e capacidade de engaiolar coma poucos, non resulta difícil escoller a de MESTRE, tanto por que este foi o seu primeiro e principal oficio, desde que tomou posesión na escola unitaria de Casaio en 1972, experiencia que recolleu naquela primeira paisaxe........
