Nunca máis sós: o mundo da cultura érguese contra o control político do CGAC
Opinión Nunca máis sós: o mundo da cultura érguese contra o control político do CGAC
Avogada especializada en dereito da cultura e crítica cultural.
Presidente da Asociación Galega de Ensinantes de Debuxo e Artes.
A proxección que adquiriu a confrontación da Xunta de Galicia coa comunidade cultural nacional e internacional, por causa do procedemento escollido para a provisión do posto de dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), demostra que, máis alá do propio acontecemento, debátese aquí unha cuestión de fondo. Interpretar as mobilizacións que se están levando a cabo baixo o lema SÓS CGAC como unha mera reacción de descontento fronte ao nomeamento dunha determinada persoa ou un “asalto partidista” ao centro é tan erróneo como pensar que se trata dunha reivindicación micro-sectorial acoutada ao ámbito da xestión dos museos de arte contemporánea.
SÓS CGAC é un síntoma mais do malestar que afecta a toda a cultura galega. Unha inflamación local producida por un programa político global que sistematicamente deslexitima ás axentes culturais independentes —véxanse as recentes entrevistas concedidas polo Director Xeral de Cultura— e selectivamente instrumentaliza as producións culturais que máis se adecúan ás súas fins propagandísticas.
Do mesmo xeito que as conclusións que amosan as preocupantes enquisas sobre o uso do galego, SÓS CGAC debe interpretarse como un sinal de alerta acerca de como se está a xestionar a cultura en Galicia, sempre favorecendo os intereses espurios da política fronte aos intereses da cidadanía. SÓS CGAC non é SÓS proceso de elección da dirección do CGAC é SÓS CULTURA GALEGA: unha chamada de atención respecto do estado de abandono dunha institución que é de todas, que é a nosa casa, que leva décadas deteriorándose e que vai quedar subordinada á arbitrariedade política da consellería e aos intereses da Cidade da Cultura e do turismo internacional.
Así comezaba o texto Necroinstitucionalidade e contexto. 15 anos de Burla Negra co que participamos no Catálogo do festival Inmersiones 2018 Entorno a la hoguera, comisariado pola investigadora Maria Ptqk en Gasteiz, Araba:
“O bucle dos anos circulares reprégase unha e outra vez sobre Galicia, todo está permanentemente de estrea, condenado a nacer enerxicamente e desaparecer sen posibilidade de arraigamento, para que o seguinte xurda de novo sen conexión algunha co anterior. Galicia é un aparello necroinstitucional que se recubre dun denso veo negro cada certo tempo e adica todos os seus recursos a prolongar indefinidamente a súa existencia ‘post mortem”
Case unha década despois de publicar este diagnóstico cultural, un novo acontecemento repetido fai avanzar o desenlace final, sempre por chegar, do corpo en descomposición da cultura institucional en Galicia; a neutralización da liberdade fundamental de produción e creación artística mediante o control político do CGAC. Un control que, como xa explicamos na entrevista con Maria von Touceda, non se produce co nomeamento da nova dirección do CGAC, senón que leva sucedendo tres décadas e que á fin vertebra tanto a historia do centro, como a do resto de recursos públicos culturais.
Galicia sofre unha negación histórica da súa autonomía cultural que, no caso do CGAC, concrétase na súa dependencia respecto da consellería da que forma parte. Esta institución nunca foi un ente autónomo, senón unha unidade administrativa, orgánica e xerarquicamente, dependente da dirección xeral de cultura.
Trala aprobación dunha lei de museos autonómica que reserva as funcións directivas de todos os museos galegos a persoas funcionarias e centraliza a dirección política da cultura, en 2021, e tralo reordenamento interno da Consellería de Cultura polo que se fai a dirección do CGAC un cargo equivalente a unha subdirección xeral da administración autonómica, en 2024, a pouca autonomía que conservaba o CGAC quedou, definitivamente, cercenada.
Por si mesma, a reserva funcionarial das funcións directivas dos museos galegos feita na Lei de Museos de Galicia (2021) non supón máis que a manifestación dunha regra xeral da administración pública, pero o reordenamento interno da Consellería de Cultura (2024) fai a dirección do CGAC equivalente a unha subdirección xeral de........
