Fidel Castro: semente de amenceres
Camaradas, esperteime cedo aquela mañá e ás seis xa sabía que Fidel Castro morrera. Invadiume unha certa melancolía, aínda que non fose noticia sorprendente: o Comandante xa tiña idade de se converter en semente de lenda. O primeiro que me saíu de dentro colgueino nas redes, algo simple e espontáneo, como saen as cousas cando o sentimento é sincero.
O 1 de xaneiro de 1959 triunfaba en Cuba unha das revolucións máis incribles da historia da humanidade. Foi, a pesar da súa violencia —como calquera revolución armada—, unha revolución chea dun certo romanticismo. Un puñado de valentes, apenas catorce supervivintes do desembarco do Granma, onde viaxaban menos dun cento, emboscados e masacrados polo exército nada máis pisar terra, conseguiu en poucos anos o que parecía imposible: derrotar completamente un exército moderno e arrincar a rendición incondicional dunha ditadura financiada polo país máis poderoso do planeta. Unha guerrilla escasa e mal armada que ía arrincándolle os seus propios fusís ao inimigo acabou dobregando un exército profesional.
Non foi un milagre. Foi o pobo. A maior parte dos soldados de Batista non tiña espírito combativo, e o pobo cubano, cando non apoiaba directamente os barbudos, como mínimo miraba con simpatía. Sen esa complicidade popular, sen a acción conxunta da guerrilla, o........
