menu_open Columnists
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close

O cansanzo do mundo

14 0
04.03.2026

Hai días nos que sentarse a escribir unha columna resulta pouco gratificante. Non por falta de temas, senón por exceso. Podería (e quizais debería) falar do 23F, ou do oportunismo de quen invoca vellas pantasmas coñecidas e case esquecidas para pedir regresos incómodos (máis ca imposibles). Tamén están aí, luminosos, os Premios Goya, a beleza do cine, ese talento que resiste, a arte celebrándose a si mesma como último refuxio. Debería escribir deles, si, talvez.

Con todo, hai un ruxerruxe que non me deixa elixir unha destas posibilidades. É un zunido persistente, incómodo, que atravesa a fin de semana e non se apaga. A ofensiva, a ameaza, a promesa dunha resposta «nunca antes vista». Palabras enormes, perigosas, pronunciadas con demasiada lixeireza, coma se o mundo fose un taboleiro e non unha casa común de xente tentando vivir.

A fin de semana comezou mal, cunha nova barbarie estoupando lonxe, pero o suficientemente preto como para sentir o golpe. Remata peor, coa sensación de que non hai freo, nin pausa, nin vontade de entendemento. Non hai descanso. Non hai paz.

Pesa tanto que ás veces quita as ganas de escribir, o que normalmente me reconforta coma un acto de fe, visualizando a crenza de que este é un planeta habitable, de que as palabras poden ordenar un chisco o caos, de que a razón pode abrirse paso entre a ameaza e o ruído.

Hoxe cústame fixar a idea. Cústame escribir. Quizais mañá volva crer, oxalá, mais agora simplemente podo deixar constancia do cansazo. Ti tamén o sentes?


© La Voz de Galicia