Onde a obediencia mata o talento
A relación de currículos inflados, adornados ou directamente falsos que percorre a política española é demasiado extensa para resultar anecdótica. Noelia Núñez, figura emerxente no PP, constaba no rexistro do Congreso dos Deputados como posuidora dun dobre grao en Dereito e Ciencias Xurídicas da Administración Pública. Ao confirmarse que carecía da titulación, foi impelida a dimitir. O patrón é ben coñecido. Adobiar o que se ten, omitir o que falta e mesmo invocar unha pretendida experiencia na escola da vida cando a formación non existe. Esta última variante é moi reveladora. Porque xa non se trata de agochar ou disimular as fallas, senón de convertelas en virtude, de presentar o descoñecemento como proba de autenticidade e os estudos ou inquietudes intelectuais como afastamento da cidadanía.
Víctor Lapuente sostén en El retorno de los chamanes que a diferenza entre o bo e o mal goberno non reside nos recursos nin na ideoloxía, senón nos perfís que predominan na retórica política dun país: os que ofrecen certezas sen fundamento ou os que parten da dúbida e do rigor. Os partidos, como sistemas de incentivos, adoitan premiar os primeiros. Quen sabe demasiado e cuestiona ou amosa autonomía real resulta incómodo para a oligarquía en posto. Quen ten alternativas ou potencial fóra abandona........
