Magos, meigas e o céltico Merlín en Galiza
Sobre os asuntos da bruxería e polo tanto da maxia, nas súas dúas facianas, a branca (benéfica) ou negra (malévola), asentaba o antropólogo vasco Julio Caro Baroja, que estas prácticas esotéricas son raianas co sobrenatural e que conforman un cuadrilátero, o que por unha banda toca á relixión, por outro á filosofía e polas outras dúas á ciencia e á arte. Conxunto de crenzas, ritos e prácticas, tamén alimentadas pola ignorancia. Herdanza que se multiplica neste noso confín de brétemas, espiral e labirinto dunha longa historia que emproa aos enigmas do océano. Por algo cerna e reino do realismo máxico, o que tanto significa na cultura e na arte galega, tan panteísta, animista, tan con raiceiras afundidas na escuridade do misterio. Prácticas e saberes para os que a escenografía é fundamental: bosques, veigas, pedregais, ribeiras de ríos e mares, entre penedos, fontes, árbores, nos que cabe maxinar ao Rei Arturo, os seus cabaleiros e ao seu conselleiro, mago Merlín, entre entoleirados demos.
Figura de Merlín rescatada de antigos mitos, re-creada polo galés Geoffrey de Monmouth na Prophetiae Merlini (1135), tempos do florecer Románico, mesmo cando Compostela abría camiños por mar e terra. Narración logo desenvolta na súa Historia Regum de Britanniae e máis tarde abondando na titulada Vita Merlini. A ansia do escritor era ennobrecer as raiceiras de Britania e facíao anovando tradicións célticas, tan cargadas dun orientalismo inspirado no semideus Gilgamesh, fronte as lendas troianas de raiceira grecolatina.
Contando que Merlín era fillo dun anxo caído, dun demo e da filla dun rei céltico galés. Posuidor de habilidades sobrenaturais, armadanzas entre os Catro Elementos, interlocutor cos espíritos, invisible, vidente, bruxo, agoireiro, sabedor de feitizos para o mal de ollo, de aire, das malas sombras e do mal fado... Mestre e confidente de fadas, como Viviana, Morgama, Guinbaut, Mabón, da Dama do Lago, a que entrega a espada Excalibur a Arturo. Fonte inspiradora e anovadora da fantasía céltica, espiral envolta entre monstros, anxos celestiais e........
