Os símbolos do Panteón
O 25 de maio de 1891, nun acto multitudinario de admiración e recoñecemento, trasladáronse os restos de Rosalía de Castro dende o cemiterio de Adina, en Iria, onde estaban soterrados, á igrexa de San Domingos de Bonaval, un dos grandes tesouros do gótico galego. Deste xeito inaugurábase o que axiña pasou a denominarse Panteón de Galegos Ilustres, na capela da Visitación, agora denominado Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, logo da publicación da lei 5/2023 do 4 de agosto dese ano, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia. O pasado venres tivemos ocasión de reflexionar sobre a significación da lei e do lugar onde estabamos, ao carón dos restos da poeta nacional e de personalidades ilustres da nosa memoria e a nosa cultura.
Non todos os días podemos celebrar unanimidades como a que nos convocaba en Bonaval. Xa non é pouca alegría nos tempos que corren. Mais tivemos ocasión de reflexionar e escoitar ideas, repito, arredor xa non do que o lugar significa, senón sobre o seu desenvolvemento, obxectivos inmediatos, dotación de recursos, filosofía e estratexias de comunicación, para que o que se presenta por lei como cuarto símbolo de Galicia, xunto con himno, a bandeira e o escudo, chegue á sociedade e non fique nun simple recurso retórico. Unha das cuestións a considerar son as posibles novas incorporacións ao Panteón, enterramentos ou traslados, mesmo a súa ampliación alén da capela onde se atopan. Seica a lei contempla esta casuística con intelixencia. Pero a reflexión levoume a repasar as figuras actualmente representadas.
Non sei se se fixo dun xeito consciente, mais podemos presumir dos que no seu día actuaron aquí. Para empezar, unha poeta, muller, que nos representa a todos e representa a voz da Galicia silenciada (tamén en cuestión de xénero) na procura da súa dignidade e da súa liberdade. Unha figura civil, non un militar nin un prócer da política. Ao seu carón, a razón xurídica, Alfredo Brañas. E con eles, a poesía, Ramón Cabanillas; as artes plásticas, Francisco Asorey, e a ciencia, Domingo Fontán, con Castelao na porta, que representa o soño que compartimos, a semente que ha dar froitos, a esperanza.
Un panteón non é un cemiterio. No cemiterio enterramos os corpos, ou depositamos as cinzas. No panteón están os símbolos, no noso caso representativos de distintas especialidades, mais todas ao servizo dunha causa común: a Galicia soñada, posible, compartida. Por iso era tan importante a unanimidade. Os que dun xeito ou doutro participamos nalgún momento neste proceso entendemos sempre que o resultado final tiña que ser compartido, integrador, por riba de diferenzas ocasionais, que son lexítimas, mais que nestas cuestións debemos considerar continxentes. Pasan os anos e as cousas deben seguir vivas, recoñecidas, como símbolos que representan o país. Como a lingua.
