Traballar en España
Preguntoulle Salvador de Madariaga a un líder sindical: «Pero, vamos a ver, ¿qué quieren los obreros?». E o sindicalista respondeulle: «Mire usted, lo que quieren los obreros es no ser obreros».
Era certo e era lóxico. Primeiro, porque os obreiros foran explotados por un capitalismo con razón cualificado de salvaxe —que nunca desapareceu e agroma en canto ten ocasión—, e porque o traballo manual e artesán estivo sempre mal visto en España. Tanto que Carlos III declarou oficialmente que os oficios non eran deshonrosos e podía exercelos a nobreza. Podía, si, pero non o fixo, e a burguesía tampouco, e un século despois, cando León XIII promulgou a bula De rerum novarum, que defendía a propiedade privada e condenaba o socialismo, pero recoñecía o dereito do proletariado a un salario xusto, familias católicas españolas oraron «pola conversión do papa».
Franco irmandou empresarios e obreiros no Sindicato Vertical chamando a todos «produtores» e poñendo no himno sindical versos que non negaban a existencia de clases sociais, pero recordaban que «en la lucha de clases falta la razón». O persoal de talleres, o máis combativo, debía cantar «con palabras de paz, alegre te diré: “Somos hermanos, trabajador, sin rencor por toda España llevaré el mensaje del amor”» e «Dios nos ha dado nuestra fuerza para la patria levantar». Talmente metade monxes e metade obreiros, pero a trécola non coou, e os que eu coñecín en Ferrol eran antifranquistas, con gran sentido do humor e unha conciencia ética do traballo que os converteu nos mellores profesionais do mundo. Foi a primeira lección que aprendín deles con 14 anos, e téñoa presente hoxe, con 83. Por iso non entendo esta volta á picaresca dos séculos XVI e XVII en que a preguiza era unha profesión en España. A patronal denuncia que, do millón e medio de asalariados que faltan cada día ao traballo, os máis fano por baixa médica. É raro, si, pero a fraude esixiría a complicidade dos traballadores, os médicos e a mutua; e iso é máis raro aínda. A explicación pode estar no moito tempo que o enfermo pasa en todas as listas de espera do Sergas. Igual de raro, pero certo, é que os empresarios non atopan man de obra cualificada porque os que saben non queren traballar. E, cando precisamos facer obras na vivenda, hai familias que acenden unha vela a san Xosé Obreiro ou fan ioga para fortaleceren o sistema nervioso. A min veume acoitelar o parqué do salón un mozo laretas e divertido, e, cando con aire triunfal me dixo: «Rematei», vin que o parqué era negro. «Si, algo escuro quedou», admitiu. Na hostalería e nas tendas de alimentación é peor. Na serra de Madrid, onde teño os fillos e as netas, hai un supermercado grande e bo, e na sección de charcutería despacha un home maior, coas barbas asilvestradas, sen recortar, e cun único dente na enxiva de arriba. Talmente coma os Trancas e Barrancas de El hormiguero. Moito me custa facerme o tolo e pedirlle o queixo e a peituga.
