menu_open Columnists
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close

Os papeis do 23F

14 0
07.03.2026

Cando hai quince anos publiquei en La Voz de Galicia a serie A Transición en imaxes, tiña lido boa parte do publicado sobre o 23F para tratar con rigor o que, co terrorismo de ETA, foi o máis grave atentado contra a actual democracia. Daquela quedáronme dúbidas que debería aclarar coa recente desclasificación dos papeis sobre o frustrado golpe de Estado, pero non é así. Seguimos sen saber por que foi absolto o comandante Cortina (un dos mandos do Cesid) que, segundo Tejero, estivo con el e co xeneral Armada a véspera do golpe ultimando detalles. E seguimos sen saber quen formaba a trama civil que colaborou cos militares golpistas. Unha trama civil que, con varios militares condenados polo 23F e outros que nin xulgados foron, deseñaron dous novos golpes de Estado en 1982 e 1985; este en A Coruña, no que deberían morrer por atentado con explosivos os membros da Casa Real e do Goberno que asistisen ao desfile do Día das Forzas Armadas. O fracaso do 23F non acovardou ao complot de nostálxicos franquistas que (está nos documentos desclasificados) cometeran o erro de «dejar al Borbón libre y tratar con él como si fuese un caballero». Sentíanse traizoados por Juan Carlos, de aí que o éxito nun próximo intento pasase polo magnicidio.

Por estraño que resulte, a esperpéntica actuación de Tejero no Congreso non avergoñou os militares e dez meses despois o rei reuniuse co presidente Calvo Sotelo, o ministro de Defensa Alberto Oliart e a Xunta de Xefes do Estado Maior para trataren da delicada situación das Forzas Armadas, molestas polo que viña publicando a prensa. Cómpre recordar que os 33 acusados foran xulgados polo Consello Supremo de Xustiza Militar e que, por un recurso do Goberno, o Tribunal Supremo aumentou as condenas de 22, entre elas a do xeneral Armada.

A min o que máis me interesa é a transcrición das conversas que a dona de Tejero tivo con varias persoas a noite do 23F, cando soubo do fracaso do golpe e empezou a temer pola vida do home. É a visión do drama desde o lado oposto. A todos expresou a mesma queixa: «Me lo han dejao tirao como una colilla. Me lo han dejao solo, me lo han engañao». E cando unha amiga lle di que pode estar orgullosa del, responde dorida: «Pero hija, si... es un desgraciao, si encima lo tachan de loco y de bandolero y sabe Dios...». Despois lamenta a inxenuidade do marido, que non escarmenta: «Qué tonto el pobre mío. Qué desgraciao. Tanto amor a la patria, tanto darlo todo, mira cómo le han engañao». E co fillo: «Acabo de oír la televisión. Que tu padre asume toda la responsabilidad. ¡Qué gilipuertas es!».

Cando por fin fala por teléfono co seu home, un Tejero humano, radicalmente distinto do que berrou «¡Quieto todo el mundo!», disparou ao teito do Congreso e tentou tirar ao chan a Gutiérrez Mellado e non puido, pregunta, agarimoso: «¿Cómo está mi niña?». Memorable foi tamén a petición de Tejero no xuízo: «Me gustaría que alguien me explicara qué pasó el 23 de febrero».


© La Voz de Galicia