Signos e símbolos
Os signos son cousas que, por convención ou relación natural, fan lembrar outras cousas (como o fume ao lume). Os símbolos, en cambio, son cousas que por convención (e só por convención) representan conceptos determinados (o lume ás lapas eternas do inferno). Signos e símbolos resúltannos útiles aos humanos, pero os últimos desempeñan un papel máis transcendental na vida social. Tanto que, tras a eclosión do movemento artístico do simbolismo a finais do XIX, desenvolveuse unha pola da filosofía contemporánea (Susanne Langer, 1895-1985), que reducía a investigación filosófica ao estudo dos símbolos. Ferrater Mora recorre ao filósofo da lingua Wilbur Urban (1873-1952) para caracterizar o símbolo. Primeiro, «está no lugar de» ou representa algo. Segundo, é dual, porque hai un obxecto primario idéntico ao obxecto intuído que refire. Terceiro, é á vez realidade e ficción. E cuarto, un símbolo é representativo tanto como obxecto en si mesmo como para o que reproduce na nosa conciencia.
Cando o Parlamento aprobou, en xullo do 2023, a Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, definiuno como «símbolo da identidade do pobo galego e da súa continuidade histórica». Acertou. E non só porque é semellante a tantos outros que, como ten explicado Ramón Villares en numerosas ocasións (a última delas no acto organizado por La Voz de Galicia o pasado venres), xorden en Europa ao calor dos movementos revolucionarios do século XIX. O noso Panteón ten diferenzas expresivamente simbólicas da singularidade do pobo galego. En primeiro lugar a súa orixe. A diferenza da maioría dos panteóns, como o de Hombres Ilustres (hoxe de España) impulsado polas Cortes liberais en 1837 e non rematado (nun edificio novo, de estilo bizantino) ata 1899 por orde da Rexente María Cristina, o de Galegos Ilustres xorde por iniciativa popular, cando en 1891 a Sociedade Económica de Amigos do País, a Asociación Rexionalista de Santiago e un grupo de estudantes da Universidade, co apoio do Concello, deciden trasladar os restos mortais de Rosalía de Castro desde Iria Flavia á igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago. Unha segunda diferenza, que nos afasta doutros: a un vello templo situado diante da Porta do Camiño, pero extramuros do casco histórico, e que conserva o estilo gótico mendicante do século XIII na súa nave central, na que xa repousaban membros de familias nobres galegas, da Casa de Altamira, dos Moscoso e dos Castro. Un estilo que se complementa co predominante barroco que Domingos Andrade introducíu na reconstrución de finais do XVII. Onde repousan agora dous dos nosos máis destacados poetas (Rosalía e Cabanillas); un matemático e xeógrafo (Fontán); un escultor (Asorey) e dous dos intelectuais que máis fixeron polo desenvolvemento do galeguismo (Brañas e Castelao). Nin militares, nin expresidentes, unha terceira singularidade.
Sen dúbida, o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres é un símbolo de Galicia en todas as dimensións. Porque «está no lugar de» a cultura galega. Porque as súas pedras representan, viviron, a nosa historia, desde as peregrinacións aos conflitos entre a Igrexa e o Estado, ou a resistencia cultural ao franquismo, coa coñecida Misa de Rosalía que, iniciada na República por mozos galeguistas cristiáns (Xosé Mosquera, Manuel Beiras), se renova e celebra cada 25 de xullo desde 1945. Porque é á vez realidade e ficción. E porque reproduce na nosa conciencia o latexo que levou a súa creación. Xa é un símbolo de Galicia. Que cada día fose máis coñecido sería un bo signo.
