menu_open Columnists
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close

O calcaño de Trump

2 0
yesterday

Din os seus haxiógrafos que a formación militar temperá de Trump durante cinco anos desenvolveu a súa capacidade «para asumir a responsabilidade de tarefas complexas, fomentar a confianza nos seus equipos e actuar con coherencia e compromiso cara a obxectivos colectivos, forxando un estilo de liderado baseado na disciplina, a toma de decisións rápida e a orientación cara ao logro de metas». Soa moi ben, só que choca coa casualidade de que durante o recrutamento para a guerra de Vietnam, que coincidiu coa súa etapa de estudante en Warthon, evadíseo con cinco aprazamentos para o servizo militar. Catro deles por motivos educativos e o quinto por razóns médicas: uns oportunos esporóns óseos no calcaño permitíronlle evitar ir á fronte. Será verdade. Ou non. O certo é que, como presidente dos EE.?UU., tomou moi a peito a capacidade que a Constitución prevé para ocupar o cargo de comandante en xefe do exército e a mariña dos Estados Unidos, coma unha comandancia suprema.

Non é preciso reiterar aquí as súas actuacións bélicas nun segundo mandato que o fará pasar aos capítulos máis negros da historia do século XXI. Semella ser o único ao que lle importa e non se lle coñecen declaracións sensatas ou coherentes respecto ás decisións que toma cada día, aparentemente arbitrarias, casuais, caprichosas e destemidas. Non é cousa de suxerir que pase por algún diván de psiquiatra, porque iso fano as persoas sensatas e serias. Mais hai voces discrepantes que convén poñer sobre a mesa, coma a do papa actual que vén de advertir sobre a dimensión moral do conflito e pedir á cidadanía que esixa a paz aos seus representantes políticos, cualificando de «inaceptables» as ameazas contra todo o pobo iraniano no contexto dun chamamento urxente á paz perante a escalada de tensións en Oriente Medio.

 Non é habitual que os papas interveñan abertamente en política, aínda que na súa condición de xefes do Estado Vaticano teñan esa prerrogativa, mais o papa Francisco utilizouna para propiciar un reencontro entre a Administración norteamericana e a cubana en tempos de Obama e Fidel, cando actuou coma mediador. Non creo que sexa o caso, pero atopo digno de análise que o xefe do Estado Vaticano chame á cidadanía estadounidense a esixir a fin da guerra e rematar co exterminio de vítimas inocentes. A súa chamada urxente ao diálogo e ao dereito internacional apóiase, tamén nunha cuestión moral «na que debe prevalecer o ben dos pobos».

Esta petición de implicación activa, á marxe ou simultánea coa oración, é unha actuación política de longo alcance que debería facer reflexionar ás forzas políticas que defenden a confesionalidade dos seus pobos e que a esquecen cando contradí intereses políticos puntuais. Se algo demostra a actuación de Trump ao tentar mudar a orde mundial que provocou a creación da ONU logo da Segunda Guerra Mundial, é que o actual sistema capitalista e a globalización son moi fráxiles. E que mesmo os EE.?UU. non teñen tanto poder como semellaba porque é moi doado desestabilizar os acordos multilaterais. Mágoa que non nos quede tempo, con tanto balbordo, para poñer en pé a Axenda 2030... Pero diso, se non saímos todos voando polos aires, falaremos outro día.


© La Voz de Galicia