Casas baratas
Cando vexo a lista de persoas beneficiaras na adxudicación das vivendas protexidas de Alacante, que agora investiga a Fiscalía Anticorrupción, a miña memoria, ás veces un pouco saudosa, convoca aquelas casas baratas da miña vila, unha promoción social que levou a cabo o franquismo e que agora me obriga a facer unha serie de preguntas. Por que a veciñanza era na súa meirande parte traballadores do concello? E se non o era, por que pertencía ao colectivo de mestres, da Garda Civil ou mesmo da Igrexa, pois alí tamén vivía don Manuel, o cura vigairo? No noso portal, que tiña cinco andares, había traballadores do matadoiro municipal, un garda civil, un garda municipal ou mesmo o alcalde, que non sei por que escolleu o quinto cando non había ascensor; talvez gustaba das vistas. Non o sei. Había tamén algún verso solto que non tiña o selo do público. Por exemplo, chamábame moito a atención que o noso veciño fose un comunista lendario coma Camilo Dios. Era algo que non cadraba con esa adxudicación a funcionarios que se fixo no remate dos anos sesenta. Imaxino que, daquela, a concesión tivo as súas trampas, como é de supoñer. Pero, claro, eran outros tempos en que os privilexios estaban garantidos por unha ditadura e non quedaba outra que aceptalos. Nada que ver co que vén de pasar en Alacante, en plena democracia, onde as máis desas 5.000 familias que agardan para acceder a unha vivenda digna quedan fóra e deixan o seu lugar a unha exconcelleira de urbanismo, familiares directos dunha exdirectora xeral, ou técnicos e arquitectos municipais vinculados á propia administración que xestionou o proceso. Non me estraña que se fale de prevaricación, fraude ou negociacións prohibidas. Agardo unha depuración exemplar de responsabilidades para evitar a impresión de que a casa pública e barata sempre atopa o dono entre quen mellor coñece os mecanismos administrativos e municipais, e para que no futuro só se lles asigne con xustiza ás familias que máis a necesitan.
