A entroideira perversión gore do tradicional tempo galego de Santos, Defuntos e Magostos
Sempre imitando aos máis fortes, aos que imperan, como fan os nenos, os pobos inmaturos, en vez de facer valer o seu, en crear e re-crear sobre os seus produtos xerando economía. Sabendo que a universalidade está construída de unidades na diversidade. Pois velaí que o Samaín gaélico e mais o Halloween americano son implantacións moi recentes, coincidentes en Galiza con ritos tamén de herdo celta e romano en relación coa entrada no tempo escuro e coa morte, novembro. Celebracións que un desaforado consumo converterá en perversións entroideiras temáticas, arredor da tortura, do crime e da morte. Algo que nunca superará a crueldade vivida e televisada nestes mesmos tempos. Ruín contribución á educación. Depravacións que se queren facer tradicionais e que tamén invaden as fogueiras botellonizadas nas praias na noite do San Xoán, cando faltan das campas se fan solares.
Dende o Neolítico os seres humanos aprenderon a esconxurar a morte coa ansia de renacer, creando ritos e mitos de iniciación, de pasaxe, os que mudarán co devalar do tempo. Asuntos que garanten a vida de tantas relixións. Cambios agora máis visibles co imperio da sociedade de consumo, dos medios de comunicación, os que trastornarán o vagaroso ritmo da transmisión das tradicións, perverténdoas e uniformándoas na globalización.
Morte nenas e colar de castañas. / Picasa
Poisvelaí un novo entroido americanizado co nome de Halloween ( do inglés All Hallows' Eve=véspera de Santos) e detrás unha longa historia que tamén lle toca a Galiza, o país das benditas ánimas, a que presume de herdos célticos, prerromanos, tan de raiceira oriental: onde os mortos se fan espíritos buscadores da lux perpetua polos galácticos vieiros do cosmos. Tempo pois de festa e feira que tamén axuda a desestacionalizar. Mentres que Samaín ou Samhaín (de San-Fuín= encontro do tempo soleado) é verba do gaélico antigo que significa festa, recuperada pola ansia independentista dos románticos irlandeses. Encontro que o mundo anglosaxón, especialmente en América do Norte, Estado Unidos e Canada se bautiza como o devandito........
