50 anos despois de ter atopado Xosé María Vicente Somoza o Casco de Leiro
Celébrase o medio século despois de terse atopado en Leiro, Rianxo, o que se di casco de ouro Leiro, aínda que podendo ser tamén unha cunca ou ambos, como foi o bacielmo para o Quixote. Sexa o que sexa útil cerimonial é, casta e rango que ven marcada po ese ouro que brilla, distingue, perdura e que se asocia co sobrenatural.
Alégrame e anima que teña chamado a quen isto escribe a familia de quen o atopou, o inesquecible Xosé María Vicente Somoza. É para participar nun parladoiro no que novamente volveran a saír as circunstancias casuais do achado e os trámites para adquirilo o Estado. Moito habería que falar do tema, sairían novelas como a de El escarabajo (1982) de Mujica Lainez, ou quizais mellores aínda, sempre cun xeito de realismo máxico que aureola aos que no popular deste cabodomundo se di tesouros dos mouros. E ben o poderamos contar, tal como o acontecido co torques de ouro atopado no castro de Xanceda, o que, ao atopalo, se lle puxo de colar a un can; a diadema megalítica de ouro Cícere, Santa Comba, a que serviu para ferrar a punteira duns zocos... a tabula do Monte Cido no Courel que se ofreceu en venta ao Britihs... é esoutra parte da arqueoloxía, a que se refire a lendas e ditos que contan de familias que se enriqueceron... asuntos que ben inspirarían a Cunqueiro. Sabemos polas crónicas que Xelmírez acumulaba un fantástico tesouro de pezas de que lle regalaban os paisanos, que Francisco de Asís, na súa estancia en Compostela, acompañado do carboeiro Cotolai, ao pe dunha fonte no Pedroso, atopou un tesouro que lle permitiu construír o mosteiro franciscano de Valdedeus...E tantas historias, mesmo as que temos escoitado entre a credulidade e a incredulidade. Asuntos moi comúns neste pais do Ciprianillo, páxinas que tanto dan conta de tesouros........
