menu_open Columnists
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close

Galicia ante o reto de vivila: crecer sen perderse

6 0
09.04.2026

Comparto mesa e mantel cun vello amigo, Pepe Moreiras, eminente sabio, oftalmólogo de recoñecida fama internacional, experto en vidas e afáns, implicado na atención á epilepsia por vocación humana. Incorpórase outro Pepe, Barrola. Falamos de gastronomía, de viños, de turismo —desfago algúns mitos, “portomeñadas”, sobre os que xa abondarei—. E, no fondo, falamos da Galicia que se debate nas rúas e, algo menos, no Parlamento; de España, da distancia inaceptable entre certa insensibilidade política e os problemas reais de empresarios, hostaleiros, médicos, autónomos…; dun mundo lunático e guerreiro que, na lonxano, vólvese rubio, turbio, dramático, trampista, case insufrible.

Preferimos volver aos temas da terra, pisar o chan na mesma Rúa do Franco, mentres por ela circulan estudantes, composteláns, visitantes, peregrinos e non tantos turistas —semella que, circunstancialmente, a afluencia baixou máis dun 30 %—; tamén pasea algún congresista despistado.

En Galicia xa non cómpre mirar moi lonxe para percibir un cambio profundo. Abonda con sentarse nunha terraza de Santiago, pasear polo centro da Coruña, intentar alugar en Vigo ou perderse polas rúas de Ourense ou Lugo. Algo está a suceder e, quizais por primeira vez en moito tempo, ten máis que ver co éxito ca co conflito.

Hai sinais que non precisan estatística: a Galicia urbana estase enchendo e iso, lonxe de ser unha queixa, é a constatación de que interesamos. No rural, a análise muda segundo as zonas: Bertamiráns, na área compostelá, medra; Redondela, entre Vigo e Pontevedra, esmorece no social e talvez tamén no económico. Falo, en parte, dos meus lugares de vida.

Durante décadas, o relato foi o da emigración e a resistencia agrícola, gandeira, campesiña... Hoxe, porén, Galicia aparece no mapa de quen busca calidade de vida, identidade e un ritmo distinto. O tirón do Camiño de Santiago, a seguridade e certa proxección exterior colocaron as nosas cidades —e mesmo o rural— nunha posición inédita.

Mais ese atractivo esixe xestión: menos concertos e máis cultura e congresos; menos ruído estatístico e máis realidade económica; menos aeroportos e máis conexións; máis implicación cos artistas locais. No aparentemente dicotómico —e ás veces só contraditorio no superficial—, o acceso á vivenda nas cidades converteuse no verdadeiro termómetro deste cambio: a demanda medra e a oferta tensiónase nun fenómeno global que aquí aínda estamos a tempo de ordenar con sentido.

Galicia non está desbordada, está en transición. Por iso cómpre que as políticas acompañen o momento. A Xunta de Galicia leva tempo activando ferramentas de rehabilitación e impulso de solo que apuntan na dirección correcta, mais agora toca afinalas e darlles escala.

Non todo vale en todas partes: Santiago debe protexer o equilibrio entre veciñanza e turismo; Vigo, garantir que o seu dinamismo non expulse a quen o sostén; A Coruña, consolidar un modelo onde vivir siga sendo posible máis alá da postal; e mesmo vilas como Chantada deben facilitar a vida aos traballadores novos. Galicia, ademais, precisa atopar un modelo de conexión real co mundo, sen complexos fronte ao aeroporto de Porto, ás esixencias de certas compañías aéreas ou a un AVE que ás veces semella máis “avecilla” ca solución.

Existen respostas razoables. Recuperar o patrimonio edificado nos centros históricos é, ademais de eficaz, coherente coa nosa maneira de entender o territorio. Cómpre tamén ordenar o uso turístico sen caer en extremos: nin barra libre nin cerroxazo, senón regras claras que garantan a convivencia.

Apostar polos mozos e polos profesionais que manteñen o pulso das cidades —con incentivos e vivenda accesible, tamén nos concellos da contorna— é unha prioridade estratéxica. Non o é, en cambio, alimentar guerras localistas estériles; si o é procurar consensos.

 Finalmente, debemos aprender a pensar en rede. As áreas metropolitanas son unha oportunidade para multiplicar opcións sen diluír a identidade. Galicia non ten que escoller entre medrar ou conservarse: pode facer ambas cousas con decisión tranquila e unha idea clara de país.

 Entre a nostalxia e a incerteza, existe unha vía: construír unha Galicia habitable, recoñecible e aberta. Porque a cuestión non é cantos veñen, senón como queremos vivir os que estamos e os que chegan. E niso, Galicia —un país para vivir e investir— aínda ten moito que ensinar.

Hai que dialogar. Nunha sobremesa na Rúa do Franco, un deléitase con dous amigos implicados nas súas responsabilidades. Eles son Galicia Calidade —polo menos humana—, un referente imprescindible. Por algo se empeza.


© La Opinión A Coruña