Dedicarse a non facer nada, ser escritor
LÍN OS RELATOS de Hemingway nun libro de peto que pertenceu ao meu pai. El comprárao en 1960. É tan vello que lle faltan as tapas. De todos o contos que recolle recordo con viveza 'Os asasinos', o relato máis famoso do escritor americano, e 'Campamento indio'.
'Os asasinos' trata de dous mangallóns que entran armados nun pequeno restaurante. Reteñen un cliente, Nick Adams, como refén. Van matar un exboxeador, Ole Andreson, que cea alí a diario. O motivo do crime a cometer non se coñece. Andreson non aparece esa noite. Os sicarios marchan. O cociñeiro vai avisar ao exboxeador á pensión na que para. El contéstalle que deixará que os sicarios o maten se regresan.
Noutro relato, 'Campamento indio', aparece o mesmo Nick Adams. Neste caso é un neno que acompaña o pai, que é médico, a un parto que se complicou nunha aldea india. O doutor logra salvar o bebé cunha cesárea dorosa para a nai. Asemade, o pai do recén nacido suicídase sen que se diga a causa. O conto trata da relación íntima entre a vida que se apaga e a que se acende. Henry James escribe na novela 'O que Masie sabía' que "non hai temas máis humanos que os que expresan a conexión entre a alegría e a tristeza".
O que me impresiona de ambos os relatos de Hemingway é o contraste entre o que decide contar........
