Contra a solemnidade
TIÑA MEU avó na casa unhas criaturas disecadas que trouxera de Venezuela; unha bicharía selvática e mariña, prodixio da taxidermia, do control aduaneiro e certa alegría predatoria. Acórdome delas nas parrilladas, cando vexo aí xabarís e raposos suspendidos no tempo, ao carón de fotos esvaídas dos seus matadores e eles no capó dun Land Rover. Os coitados animais, non tan ben conservados nin feitos con igual maña, implorando cos seus olliños de cristal por un billete cara a Sogama. Ah, pero espero que non llo dean; que a min gústanme. Téñenme o aquel das bestas que as embaixadas exóticas traían como agasallo para a corte dos Habsburgo, pero o coitado león -ou o que fose- morría no camiño, sempre de pena e noxo, e os artesáns imperiais tiñan que reconstruílo así, de oídas, e quedáballes daquela maneira.
De neno flipábame unha tartaruga, máis grande ca min, ocupaba media parede. Pregunteille ao meu avó se ma regalaba. Dixo que si, pero que sendo tan delicada non podía movela do sitio. Anos máis tarde, cando finou e entramos a familia na casa para arramplala, non había bicho ningún; nin as plumas dos xefes indios........
