As fotos aéreas
CANDO NA tele interrompan o directo ca feira cabalar de Silleda para anunciar —chaqueta frouxa, voz suorenta, rímmel corrido— que hoxe vai ser o día da fin do mundo, que xa andan os mísiles polo aire, que non hai refuxio que valga e mellor que cada quen mire de vivir a tope as poucas horas que nos quedan, eu teríao claro: vou á parrillada, comerlle un churrasco. E non sería o único. E non dariamos na porta cun cartel de pechado.
Botosa, solta de grava, cunha poeira suspendida que anuncia a primavera, esa é a explanada onde aparco. Están o BMW branco e vello, a furgalla rotulada, o coche sen carné coas defensas rabuñadas. Quenta o sol de mediodía; no ceo crúzanse as estelas cas detonacións exoatmosféricas. Vista unha, vistas todas: xa lles perdemos a sorpresa. Os moteiros arrefrían as máquinas e privan nas birras en cadeiras de plástico. A roupa negra inda lles brilla malia a terra que se levanta, e coas mans debuxan de memoria as curvas daquela estrada, daquela viaxe, esas tumbadiñas e esas libradas.
Agardando a que me atendan, na barra tamén pido unha cervexa. Fóra inda está a chegar........
