A autodestrución de Baiona
Ultimamente circulan polas redes sociais fotografías antigas de Baiona. Máis alá da inevitable idealización do pasado, esas imaxes permiten descubrir algo que hoxe resulta cada vez máis difícil de percibir. Refírome a unha certa harmonía entre o tecido urbano, o litoral, os espazos públicos e a dimensión histórica dunha vila que durante séculos construíu unha identidade propia.
Non se trata de defender unha Baiona fosilizada. As vilas vivas cambian e Baiona ten dereito a facelo. O problema aparece cando o cambio deixa de responder a un proxecto e se converte nunha acumulación de intervencións, presións, oportunidades e ocorrencias. Entón o crecemento pode acabar converténdose en deterioro.
A pregunta fundamental é, polo tanto, cara a onde está cambiando Baiona. E a resposta non resulta doada porque custa identificar un modelo de vila. Hai obras, investimentos, iniciativas urbanísticas, promoción turística e actividade municipal, pero non sempre é posible descubrir detrás delas unha visión de conxunto. A planificación debería ordenar esas decisións a partir dunha idea de vila. Pola contra, son as decisións puntuais as que parecen construír, por acumulación, o futuro de Baiona.
Baiona posúe algo que moitas localidades turísticas terían que construír artificialmente. A súa historia é extraordinariamente poderosa. A chegada da carabela Pinta en 1493, o seu porto, a relación co mar, Monterreal, o patrimonio arquitectónico e a súa condición de........
