menu_open Columnists
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close

Alfombrar

17 88
19.02.2026

Hai que admirar aos nosos. A admiración debe ser, creo, un dos ingredientes da amizade. Eu non só os admiro, senón que cada día aprendo con eles algo novo… e así durante décadas. O Julito do Salgueiro díxome que andaba algo «estransillado». Eu non coñecía a palabra e fun ao dicionario de RAG. Efectivamente, a palabra existe. Estransillado: moi fraco. Penso que el non quería expresar que estaba moi fraco, senón fatigado. O carnaval sempre é duro para o Julito. A min marabíllame cada ano a súa imaxinación portentosa. Esa intelixencia propia dos seres elevados. Onte non o vin. Mércores de cinza para o Julito é día de descanso e penitencia. A ver se o vexo un día destes e comprobo se está ou non está estransillado, palabra alta. Do primo Gerardo non podo dicir o mesmo. Despois de confesar a semana anterior o significado da expresión «sensual», só me queda lembrar outras aportacións magníficas ao meu particular dicionario. Afirma que Berta, á que agora lle dá pola bricolaxe, é unha artista. Tan pronto deseña unha cadeira como fai diminuto o que semella grande e inabarcable. O Gerardo denominou esta técnica como «maniatura». Unha acepción gozosa que non figura en ningún vocabulario. «Maniatura» é a palabra exacta para definir o manual e o pequeno. Un fenómeno. Mesmo é quen de descubrirme palabras que eu teño esquecidas. Por exemplo, alfombrar. O significado de alfombrar é cubrir o chan con alfombras. Porén o Gerardo dálle unha acepción xubilosa e, para min, descoñecida. Sóubeno hai un par de días. Estabamos na casa. A súa neta Nahir esvarou nunha alfombra. O Gerardo, sempre preocupado pola nena, berrou: «Nahir, coidado, non alfombres!». Hai que admirar aos nosos.


© La Voz de Galicia