menu_open Columnists
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close

Helmuth Rilling, un minuto de silencio

18 0
09.03.2026

O 13 de febreiro, no Auditorio de Galicia, dedicouse un minuto de silencio á memoria de Helmuth Rilling, primeiro director da Real Filharmonía de Galicia. Moitos evocamos naquel intre as interpretacións do maestro indiscutible, que se presentara entre nós con dúas memorables edicións da súa Bachakademie Stuttgart.

Asistín á conmemoración dos 20 e dos 25 anos da Real Filharmonía, un proxecto creado desde o Concello de Santiago no marco do programa Compostela 93-99 e da Cidade Europea da Cultura 2000, vinculado á Escola de Altos Estudos Musicais e, por tanto, á Universidade. Cómpre relembrar os nomes claves naquel 1996: Xosé Manuel Villanueva e Xosé Denis, Helmuth Rilling e Maximino Zumalave, José Luis Río Barro, José Luis González Sobral e Margarita Sáez de la Calzada, polas Administracións local, autonómica e central. O proxecto era tan contundente que o Real Patronato de Santiago asumiuno, coa aquiescencia de Felipe González e de Manuel Fraga.

Non celebrei o trixésimo aniversario porque pensaba que cumpría conmemorar a excelencia e marcar novos obxectivos. Aínda que hai iniciativas de interese, os concertos son desiguais, dedícase demasiado tempo á variedade, a exhumar músicas xustamente esquecidas, co pretexto de «democratizar» a programación. A mellor democratización sería que a sala estivese chea de público, sen distinción de idade, clase ou economía, de alumnos e investigadores excelentes, empresarios, amadores da música, porque haber, hainos.

Con Rilling iniciouse o camiño da excelencia, á fronte dun cadro internacional de bos músicos que seguiu unha senda fértil da man de bos directores; hoxe moitos deses músicos son galegos. A excelencia conséguese cando a orquestra é convidada e fai xiras, cando grava e aparece no ranking, cando vén xente a propósito para escoitala e os moitos visitantes que chegan de todo o mundo saben dela e acoden aos concertos.

A excelencia conséguese cunha programación axeitada á dimensión filharmónica. Bach, Schubert, Mendelssohn, Mozart, Beethoven…, e tamén algún Prokofiev, Ravel, Stravinski, música contemporánea que xa é clásica. E como non, música dos nosos días, con encargos acertados a compositores novos. O gran sinfonismo obriga a forzar porque falta densidade instrumental e pérdese a compacidade con complementos que non conseguen dialogar co conxunto. Para ese repertorio temos a Sinfónica de Galicia.

Unha orquestra é como un único instrumento, cando a corda, os ventos e a percusión soan en concerto; cando, mantendo a fidelidade ao escrito, interprétase manexando as intensidades sonoras e os tempos; cando, despois de que o director marca a anacruse, o comezo é limpo e o final perfecto, cunha complicidade total cos xefes de fila.

A música está por riba das disputas, normais en calquera grupo humano, que se resolven con diplomacia e cohesión en torno a un proxecto de calidade. O Consorcio debe rodearse de melómanos que poidan aconsellar, e captar patrocinadores como os que houbo e que, ademais de achegar recursos económicos, asistan e traian convidados.

Non quixera caer no desánimo. Creo que falta ambición para volver xogar en primeira división, e iso require unanimidade de obxectivos entre as tres Administracións e entre os grupos municipais. Se todos, cidadáns, músicos e responsables se empeñan, é posible e haberá recursos.


© La Voz de Galicia