menu_open Columnists
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close

Comer o mundo

15 0
30.03.2026

Hai políticos que gobernan e outros que dobregan o mundo. Donald Trump leva tempo movéndose a unha velocidade que deixa pouco espazo para a reflexión. Primeiro foi a guerra entre Rusia e Ucraína, onde prometeu solucións rápidas, despois chegou o pulso con Venezuela. Máis tarde apareceu aquela idea de comprar Groenlandia, coma se os territorios fosen artigos nun escaparate. Agora o mundo volve mirar cara a Oriente Próximo, coa guerra entre Irán e Israel escalando.

A sensación é a dun ritmo frenético, case caprichoso. Como se a política internacional fose unha lista de asuntos que hai que ir resolvendo un tras doutro, sen tempo para analizar as consecuencias. Se algo non sae ben, pásase á seguinte pantalla. Non sei se o seguinte será Cuba, non me atrevo a descartalo.

Que non traten de presentarnos estas intervencións como loitas pola liberdade ou democracia mentres reforza duras políticas internas contra inmigrantes. A liberdade impórtalle segundo onde mire.

Quizais o problema non sexa só político, senón tamén temperamental. Hai xestos que lembran máis a un neno enrabechado que a un estatista: se non consigo isto, vou por aqueloutro; se unha idea fracasa, lanzo outra máis grande.

Cada decisión tomada nun despacho da Casa Branca remata afectando a millóns de persoas que non teñen nada que ver cos cálculos de poder. Se a política internacional se converte nunha carreira por demostrar quen manda máis, córrese o risco de que o planeta enteiro acabe pagando o prezo.

Non é unha rabecha; é un perigo.


© La Voz de Galicia