Soño dun día de verán
Cando amencen os días de calor eu escapo ao monte. Hai anos comprei unha casiña de pedra abandonada polos herdeiros dun matrimonio ancián, falecidos antes de que a aldea caese no esquecemento. Hoxe é un refuxio cómodo, agradable e silencioso abrazado pola natureza viva e puxante. Está na cima do lugar, ao cabo dunha costa pola que o coche familiar sofre para culminar o carreiro. Rodéannos un bosque de carballos silenciosos e unha fraga dentro da cal identifico algúns olmos, dúas nogueiras, un piñeiro foráneo, cinco castiñeiros, abundantes acivros, freixos e amieiros na zona máis frondosa. Chegando á beira do río aséntanse fermosos bidueiros. Por fortuna a miña paisaxe escapou dos eucaliptos e piñeirais madeireiros. O río rodea a parte baixa do monte e refresca o ambiente cando o sol castiga en demasía e, mesmo, bendicímolo como devasa contra o lume.
-Non te fíes –dime Ramón ao pasar co seu rabaño de ovellas e cabras camiño do arboredo para que os animais se nutran de herbas e sombra-. Se en tódolos bosques vivisen cabras non habería incendios.
O cabreiro mostra unha idade indefinida. É maior, moi maior, e nalgunha ocasión sospeitei que se trata dun defunto deses que permanecen pegados á terra que lles viu nacer e morrer. As súas sentenzas resultan acertadas e o bosque que rodea a casa de........
