Ceuta e Melilla: o espello roto da fronteira sur da Europa
A opinión pública galega, historicamente atenta aos movementos xeopolíticos pola nosa condición de nación periférica e migratoria, asiste con certa distancia ao labirinto de Ceuta e Melilla. Porén, o que alí se xoga non é unha simple disputa territorial norteafricana, senón a definición mesma das costuras estratéxicas, xurídicas e sociais da Unión Europea. O vello status quo colonial e comercial que sostivo estas dúas cidades autónomas durante séculos rachou de xeito irreversíbel, deixando ao descuberto un modelo de extrema fraxilidade cara ao futuro.
O primeiro elemento desta metamorfose é de carácter demográfico e identitario. Nos últimos corenta ou corenta e cinco anos, Ceuta e Melilla experimentaron unha mutación étnico-relixiosa sen precedentes. A partir do proceso de regularización iniciado a mediados dos anos oitenta do século XX, a poboación de orixe musulmá -maioritariamente de etnia bérber ou tamazight no caso de Melilla- accedeu á plena nacionalidade española. Hoxe, estas comunidades de orixe musulmá representan xa arredor do 50% do censo en Ceuta e superan lixeiramente esa porcentaxe en Melilla. Esta realidade fracturou o vello monopolio político dos partidos de ámbito estatal, propiciando a emerxencia........
