Escavacións arqueolóxicas nas orixes de Ourense: as Burgas
Continuamos a serie de escritos coas principais escavacións arqueolóxicas que están a definir o primeiro asentamento de Ourense na época romana. Despois das colaboracións anteriores neste xornal sobre a praza da Madalena, o Museo Arqueolóxico, o solar Pompeo e o Posío, chegamos ás Burgas.
Saben que de aquí procede un dos achados máis icónicos para a historia da cidade: o altar -ara- que Calpurnia Abana Aeboso dedicou ás Ninfas das fontes no s. II d. C. Foi un descubrimento casual en 1802 na horta coñecida como “Casa da Tenencia”, moi próxima das surxencias. O achado é un dos principais soportes que sustentan a idea tan xeneralizada de que o primeiro asentamento romano en Ourense xurdiu xunto ás augas quentes e mineromedicinais. Tamén nelas e neste achado baseaba a súa teoría sobre nacemento da cidade o noso arqueólogo máis célebre, Florentino Cuevillas.........
