Saber ler xa non abonda
A Xunta de Galicia vén de anunciar unha materia obrigatoria de Lectura e Comprensión en 1º e 2º da ESO a partir do curso 2027-2028, dentro dun plan máis amplo para reforzar esta competencia desde a Primaria. A iniciativa responde a un problema real, reflectido novamente en PISA 2025, pero que vai bastante máis alá do rendemento escolar. Unha democracia necesita cidadáns capaces de comprender a realidade sobre a que opinan e deciden. Ler superficialmente, descoñecer a procedencia dunha información ou carecer do contexto necesario para interpretala reduce a autonomía coa que formamos o noso criterio. Nun ecosistema atravesado pola desinformación, a polarización e unha permanente competencia pola atención, estas eivas aumentan tamén a vulnerabilidade democrática. Importa reforzar a comprensión lectora, pero importa aínda máis precisar que significa hoxe entender un texto.
Comprender require coñecementos. Podemos identificar a idea principal dunha noticia sobre inmigración, vivenda, pensións ou cambio climático e non aprehender en profundidade o problema se descoñecemos conceptos, antecedentes e relacións indispensables para interpretala. Non se trata de reivindicar unha acumulación enciclopédica de datos, pero tampouco de imaxinar técnicas de lectura independentes do que realmente sabemos. Un documento de historia dificilmente se entende sen saber historia e unha información económica precisa dun vocabulario mínimo para non confundir déficit, débeda ou inflación. Sen........
