O soberanismo galego fronte ao labirinto estatal
Cara ás vindeiras eleccións xerais de 2027, o ruído que chega desde a Villa y Corte teima nunha vella andrómena: a unidade de toda a esquerda como única receita fronte ao avance da dereita e a ultradereita. Voces como as de Gabriel Rufián, Irene Montero ou certos sectores de Sumar e Más Madrid apelan a unha sorte de «fronte popular» que, baixo unha aparente fasquia de pragmatismo, agocha a submisión das distintas realidades nacionais (e nomeadamente á galega) á estratexia do centralismo madrileño. Porén, para o soberanismo galego, o dilema non é aritmética electoral, senón de supervivencia política e coherencia histórica. O BNG de Ana Pontón nin pode nin debe diluírse nunha mestura heteróxenea que confunde a plurinacionalidade co folclore. Semella que este país xa tivo abondo coas experiencias pasadas.
A primeira razón reside na transversalidade acadada polo BNG. Hoxe, o Bloque deixou de ser unha forza de testemuño para se converter na «casa común» de amplas capas da sociedade galega. Sobordou as costuras das definicións clásicas das esquerdas clásica para atraer, canda as clases traballadoras a sectores determinantes de clases medias, autónomos e profesionais que ven no soberanismo a principal, senón a única, ferramenta de defensa dos seus intereses produtivos e sociais. O BNG representa hoxe un amplo «centro-esquerda e esquerda nacional» capaz de dialogar co mundo da empresa e cos sectores estratéxicos do país, fuxindo de dogmatismos que, dende Madrid, adoito non entenden a idiosincrasia da propiedade, do traballo, da nosa pesca, agro e e gandería e do ambientalismo na Galicia. Pactar unha unidade electoral coa esquerda estatal suporía retornar a un espazo de gueto, perdendo esa centralidade que permite disputar a hexemonía ao PP sen tutelas externas.
A segunda razón é a deriva recentralizadora e a miopía da esquerda española respecto aos feitos diferenciais. Resulta paradoxal que formacións que se din «plurinacionais» teñan amosado unha resistencia ferreña asunción de competencias cruciais. Vémolo na xestión da estranxeiría: mentres o BNG e as demais forzas soberanistas reclaman unha xestión de proximidade para garantir dereitos e integración dende a realidade de cada territorio, a esquerda estatal adoita refuxiarse nun estatismo xacobino, temendo que a descentralización rache unha uniformidade que eles chaman «solidariedade» pero que só é control burocrático dende o Ministerio de quenda. Asemade, cómpre lembrar que son o PSOE e Sumar quen mandan na Mesa do Congreso que leva toda a lexislatura adiando o debate da proposición de lei de transferencia a Galicia da Autoestrada do Atlántico (AP-9)
Esta falla de sensibilidade reflíctese tamén no ámbito simbólico e cultural, que é onde se libran as batallas pola dignidade nacional. O tratamento do Guernica de Picasso polo ministro de Cultura (pertencente aos Comúns, referente catalán de Sumar) como un refén do Estado no Museo Reina Sofía, negando o seu traslado a Euskadi alegando razóns técnicas que ocultan decisións políticas de apropiación cultural, é o mesmo padrón que se repite cando se tenta desnaturalizar festas de fonda raíz nacional como o Sant Jordi en Catalunya ou o noso propio Día da Patria. A esquerda española, nese afán por seica «unificar» espazos, acaba por actuar como un axente de homoxeneización, incapaz de entender que a cultura e a lingua fan parte esencial das bases sobre as que se constrúe a democracia real.
Para o BNG, o pacto coas familias da esquerda estatal suporía a renuncia á obediencia galega. Perderíase o perfil propio no Congreso, a voz de noso sen peaxes nin silencios impostos por estratexias de partido que se deciden en despachos da Castellana. A experiencia das Mareas deixou unha lección clara: cando o nacionalismo se dilúe, Galicia desaparece do mapa político.
Nas vindeiras eleccións estatais, o reto do soberanismo galego non é senón consolidar unha opción soberana, transversal e rigorosa que entenda que a única unidade útil para os galegos e as galegas é a que se constrúe desde o propio país, para o país e sen máis límites que a vontade da xente deste país. Porque o nacionalismo galego é hoxe alternativa de orde e futuro fronte ao caos dunha esquerda estatal presa das súas propias contradicións.
Suscríbete para seguir leyendo
