O fotógrafo de Allariz José Suárez nas ‘Artes Galegas’
Dende o 2015 cada 1 de abril celebra Galiza o Día das Artes Galegas, lembrando a mesma data do ano 1188, na que o Mestre Mateo asenta os linteis do Pórtico da Gloria. Así consta en epígrafe debaixo dos mesmos e así o di a historiografía. Será Mateo o primeiro celebrado.
Academia Galega de Belas Artes, presidida polo pintor Manuel Quintana Martelo que agora determina que esta xornada e o ano 2026 se dedique ao fotógrafo alaricano José Suárez. Motivo para afondar no fondo legado fotográfico e a historia da fotografía e Galiza, como técnica artística, como documento histórico e con ela a mulleres e homes que a practicaron.
Galiza, atenta ao acontecer, a que no XIX, como resposta a ruíns políticas intensifica a emigración ás Américas, traendo novidades. E sempre a sedutora Compostela, o tópico da Galiza máxica, nas miras dos pescadores de imaxes: velaí abrindo ao sc. as fotografías do crego José María Limia... Cunha Coruña distinguida nas vangardas: de Sellier a Pedro Ferrer, María Cardarelly, familia vinculada aos Murguía Castro, primeira fotógrafa de estudio de Galiza... pero tamén Rioboo, Páramo, Lanelongue, Mariano Bordoy, Castro Freire, Avrillón; en Lugo, Constantino Rodríguez, Pedro Varela. Os célebres fotógrafos de Mondoñedo, de Ribadeo, Sarria, Verín, Carballiño, Mondariz á mesma Maruja Mallo, Zagala en Pontevedra... E na Coruña do noso tempo Manolo Ferrol, Alberto Martí... Entre 1924-26 a documentada viaxe da estadounidense Ruth Matilda Anderson, como despois a de Cristina García Rodero. Fotografías con alma, as dos mesmos fotógrafos ambulantes, de domingo, de feira e romaría.
Momentos para lembrar ao fotohistoriador estadounidense Lee Fontanella, autor da Historia de la Fotografía en España, ao creador e crítico barcelonés Joan Fontcuberta, pondo en valor a José Suárez na súa obra referente Idas e Caos (1984) . E, como non, os meritorios estudos de Carlos Iglesias Castelao, de Margarita Ledo Andión, como a ansia do fotógrafo Xurxo Lobato por revitalizar a espiral e significación do alaricano.
Unha vida pegada a unha cámara e un obxectivo: o espírito e a dignidade do pobo
Dicía Suárez que, para el a fotografía era como respirar. Afortunadamente herdo e obra que caeu en mans sensibles, as que a estudan, coidan e transmiten: as do seu sobriño, o profesor de Filoloxía Francesa Xosé Luís Suárez Canal, o que xunto co fotohistoriador Manuel Sendón, no 1985, son creadores do Centro de Estudos Fotográficos de Vigo.
A obra de José Suárez vense inscribindo dentro da Nova obxectividade (Neue Sachlichekeit para os alemáns dos anos 20). Movemento que busca representar o realismo crítico, mesmo dende un novo clasicismo, fronte os ismos que se multiplicaban e encamiñan á deconstrución.
Foto do cartel oficial do Día das Artes Galegas, 1 de abril, sobre o fotográfo de Allariz José Suárez / LOC
Vida de Suárez, cámara ao lombo, moi andada, a que vai do 1902 e do seu Allariz a unha véspera do día dos Magos do ano 1974 e nun hostal do porto da Garda, onde se suicida. Estudante de bacharelato nun Ourense que daquela se nimbaba coa aura de ser Atenas de Galicia, a brillar nun sentir Modernista, a que no 1921 daría orixe á Xeración Nós, protagonizada por inadaptados, como Risco, Cuevillas, Otero... Ao rematar os estudos de secundaria o seu pai regálalle unha cámara fotográfica e un novo principio. Provincia de Ourense na que non faltan grandes fotógrafos e cinematógrafos, como a familia transmontana Sousa Guedes Pacheco, en sociedade con Xosé Gil, establecido en Vigo, con trama de Ourense a Vigo, Porto... Lisboa. Isaac Fraga e Cesáreo González toman nota para empresas.
José Suárez é de familia liberal e acomodada, fillo dun procurador dos tribunais asentado en Allariz que pretende que siga a profesión paterna. Polo que manda ao mociño a formarse en Dereito en Salamanca. Carreira que remata e obtén praza como empregado do concello daquela Cidade Dourada, na que está de 1920 a 1930, colaborando a un tempo coa revista editada en Vigo por Jaime Solá Mestre, Vida Gallega. Ambiente culto salmantino que lle permite entrar en contacto cos parladoiros centrados polo reitor da universidade, Miguel de Unamuno e de colaboradores da Revista de Occidente, enraizados nas angueiras do Decadentismo, compartidas polos saudosistas portugueses, pola posta en valor da persoa, reacción contra a máquina, polo que supón de uniformización. Amizade que dará importantes froitos no diálogo paisaxe-paisanaxe, como álbum de 50 fotos de Salamanca (1932), entre elas a de Unamuno no lugar de La Flecha e de fondo o ondular en devalar das terras de Castela, 1932. No 1935 casa na cidade do Tormes con Mary Mirat e deixa o posto no concello.
O expresivo universo do esencial nas súas fotos
As Imaxes de Suárez son solicitadas e publicadas en Mundo Gráfico, Mundial, Estampa, Atalaya... no 1935 expón no Círculo de Bellas Artes de Madrid, fotografías que, como as esculturas de Asorey ou a obra de Castelao, dignifican o mundo cotián do traballo, os mariñeiros, labregos, os romeiros do San Vitorio de Allariz, os oleiros de Niñodaguia, a sega, teceláns segadores... Obras envoltas nesa interacción, tan risquián, «con espírito», paisaxe-paisanaxe... ese panteísmo. O controvertido e contrafío escritor José Bergamín, suliñaba que detrás del espejo de la cámara oscura de Suárez hay unos ojos vivos que piensan.
Despois da Guerra Civil, as ansias de liberdade aguilloan a Suárez a coller o camiño da emigración a Arxentina e ao Uruguai. A muller non o acompaña e sepáranse. Acollido con agarimo entre os exiliados, onde o proxecto cinematográfico de Mariñeiros de Cangas será montada en Bos Aires (1937). Anos nos que traballa como fotoxornalista en La Prensa, sumándose ás ansias de Seoane, Blanco Amor, Francisco L. Bernárdez, Alberti, Bergamín... Viaxa e expón en Madrid, París, Cifesa encárgalle realizar varias películas sobre as súas series fotográficas. No 1938 será premiado co Condor de Oro da Academia de Artes y Ciencias Cinematográficas polo film Malambo. Sen deixar de recoller as esencias gauchas, a Pampa, onde tantos galegos se sumaron ás causas populares, el gallego Soto, Ramón Pantín de Calafate... No 1950 vaise a Punta do Este, no Uruguai e no 1953 viaxa ao Xapón, facendo escala en Durban (Sudáfrica) como delegado dos xornais La Prensa e El Día, colaborando con Life e US Camera. Sensible ao apartheid co que peta no seu camiño. No país nipón, en amizade co cineasta Akira Kurosawa reafirma o esencialismo. E sempre deténdose na maxia do popular, dos pescadores de perlas, nas cerimonias sintoístas e budistas.
E nel a vella querenza pola neve, o branco... No 1959 fotografía os Andes arxentinos, Nieve en la Cordillera. Ano no que, pese ao seu éxito e ás recomendacións das súas amizades, volve a España: busca a luz e a quentura para a artrose, instálase en Andalucía, despois en Ibiza, fai un reportaxe sobre a Mancha (1965). No 1966 publica en Inglaterra un libro sobre os touros. Volve a Galiza e asenta en Ourense, no Hotel Miño, xa unha cidade envolta no desenrrolismo, e á que lle costa perder a súa vella aura... Ilustra a Guía de Galicia de Otero Pedrayo dende esa súa sensibilidade de dignidade dun pobo. Busca o monte, promove a estación de esquí de Manzaneda... E nun xeito de performance metafórica final, en intres de desacougo, buscando a Galiza dos mariñeiros, dos faros e do horizonte atlántico vaise á Garda, a un hostal, onde se quita a vida... mentres os nenos cantan panxoliñas de Reis. No peto da chaqueta uns papeis coa súa derradeira vontade, pedindo sinxeleza na despedida e outro co prólogo de Unamuno do 1932 para o seu álbum de 50 fotos de Salamanca.
Obra fotográfica de Suárez caracterizada pola limpeza, os xogos da luz e sombras, a dialéctica branco-negro, picados-contrapicados, o esencial, lonxe da tendencia ao intervencionismo.
Na súa obra póstuma Galicia: terra, mar e xentes (1982), só 161 fotos que falan por si soas. O Instituto Cervantes, no 2015 levou polo mundo unha exposición dedicada ao fotógrafo.
Poñemos pois foco na necesidade de revitalizar o Centro Galego de Artes da Imaxe. Asumindo que vivimos na era da imaxe, que somos o que proxectamos, onte e hoxe.
Suscríbete para seguir leyendo
Real Academia de Belas Artes
